Amazon virtualiza as chaves de casa para que os repartidores poidan deixar os pedidos dentro

mércores, 25 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Amazon continúa a revolucionar o comercio electrónico con servizos que prometen mudar para sempre a realización de compras a través da Internet como Amazon Key, opción para clientes de Amazon Prime que botará a andar o 8 de novembro en 37 cidades de EE.UU. e é compatible coas entregas propias de Prime, mudando o xeito no que os produtos chegan ao fogar, de xeito que xa non será preciso que haxa alguén en casa para recibir os pedidos, senón que será posible que os repartidores poidan deixar os paquetes no interior grazas á automatización do pecho da porta.
Este servizo funciona en combinación cunha cámara, de xeito que os clientes coa aplicación de Amazon Key poderán manter o control e seguir os pedidos con notificacións en tempo real, podendo ver o que acontece na entrega en tempo real ou revisar o vídeo da mesma a posteriori, para unha maior tranquilidade do consumidor.
Amazon Key non só permite substituír as chaves cun contrasinal dixital, senón que cada vez que un repartidor chega a realizar unha entrega o sistema comproba que é o repartidor correcto e está no enderezo que corresponde mediante un procedemento de identificación cifrado, e unha vez que se realiza esta identificación é cando a Amazon Cloud Cam comeza a gravar, para rexistrar todo o tempo no que a porta permanece aberta, de xeito que o repartidor non ten en ningún momento códigos de acceso ou chaves (para maior seguridade do usuario) desbotando así prácticas inseguras como agochar copias das chaves baixo o felpudo.
Para poder gozar de Amazon Key os usuarios en zonas con cobertura do servizo poden adquirir un Amazon Key In-Home Kit, que inclúe unha cámara de seguridade para interiores e un pecho conectado compatible coa súa porta de fabricantes como Yale e Kwikset, que o propio cliente poderá instalar ou aproveitar un servizo de instalación de balde achegado por Amazon, custando este produto 249,99 dólares. A cámara Amazon Cloud Cam é o dispositivo que fai de hub do sistema, conectándose á Rede a través de Wi-Fi e comunicándose co pecho mediante o protocolo de domótica sen fíos Zigbee.
Este sistema doméstico non só é práctico para que os repartidores de Amazon entreguen pedidos, senón que amén pode aproveitarse para facilitar o acceso ao fogar a amigos e familiares sen ter que empregar chaves físicas, podendo incluso programarse condicións nas que certas persoas teñen acceso. Tamén integrarase o sistema con centos de servizos que van dende limpeza do fogar até paseadores de cans.

Vídeo no que podemos ver un caso de uso de Amazon Key

PUBLICIDADE