A iniciativa ecolóxico-tecnolóxica Tropa Verde de Compostela, impulsada en 2015 polo Concello de Santiago e pola empresa local Teimas para recoñecer e recompensar con premios concretos o compromiso da cidadanía co medio ambiente e coa xestión sostible de refugallos (electrónicos e eléctricos, pero tamén de outros moitos tipos), está de celebración. Máis concretamente, celebra estes días o seu terceiro aniversario. Tropa Verde, como lembraremos, tamén ten presenza activa en Lugo, Ames, Redondela ou Porriño.
Para festexalo da mellor maneira posible, os impulsores da iniciativa en Compostela puxeron en marcha o concurso Trae un amigo á tropa verde, a través do cal estanse a repartir 15 convites para dúas persoas con vistas a participar nos actos institucionais que organiza o Concello de Santiago na noite do 24 de xullo, con motivo das Festas do Apóstolo e de Galicia.
Amais do devandito certame, que xa ten o prazo para participar rematado, Tropa Verde tamén fixo balance do acadado ao longo da súa andaina, en colaboración cos centros socioculturais do concello e dos puntos limpos de Compostela. Segundo se fai saber, conseguíronse xa 3.000 usuarios da Tropa Verde SCQ, 1.500 recompensas repartidas, máis de 10.000 cheques trocados por estrelas e un galardón, o Premio R de Ecoembes 2016 (na categoría de mellor campaña de sensibilización das administracións públicas) que non fixo máis que darlle novos azos á iniciativa.
Asemade, acadouse o Premio Cidade Sustentable na categoría de xestión de residuos polo proxecto Tropa Verde SCQ e desenvolvéronse dúas campañas escolares: Reciclar na escola ten premio, coa recollida de 2.360 litros de aceite de cociña usado, 1.030 móbiles e 3.300 aparatos electrónicos; e máis Longa vida aos teus aparellos electrónicos, coa entrega dun total de 1.531 quilos de refugallos electrónicos e 1.051 quilos de pilas (estímase que a súa correcta xestión evitou a liberación de case 620 quilos de CO2 á atmosfera). Tamén houbo accións na rúa, concursos en redes sociais (Búscase xente reciclando, Ecoprópósitos para un 2018 máis verde, Búsqueda do tesouro coa Tropa Verde) e máis obradoiros e charlas en centros educativos.
