MyHeritage é un servizo en liña que facilita o descubrimento, a preservación e a compartición da historia familiar, ofrecendo tamén probas de ADN económicas, facilitando así o descubrimento dos devanceiros de cadaquén, de xeito que a información coa que traballan podería considerarse bastante sensible, de aí que sexa preocupante que desen conta dun incidente de seguridade informática.
Ao parecer, está a circular unha listaxe de correos electrónicos e contrasinais cifrados do servizo cos inscritos ata o 26 de outubro de 2017, o que podería facilitar a vulneración das contas dos 92.283.889 usuarios de MyHeritage, aínda que polo momento non se detectou ningunha violación da seguridade do servizo, lembrando dende a compañía que os datos confidencias (como as árbores xenealóxicas e os datos de ADN) almacénanse en sistemas independentes dos que gardan os enderezos de correo electrónico, e contan con capas de seguridade engadidas, polo que cren que en ningún momento se viron comprometidos os datos dos usuarios.
Agora MyHeritage está a analizar o alcance do incidente, toma medidas para evitar que se repita o acontecido e comprométese a informar adecuadamente aos seus usuarios, aos que recomendan mudar o seu contrasinal en MyHeritage. Tamén informan de que están a ultimar un sistema de autentificación en dúas fases, que recomendan que os usuarios activen en canto estea dispoñible, dificultando así as posibles intrusións no futuro.
Fíltranse os enderezos de e-mail e contrasinais cifrados de máis de 92 millóns de usuarios de MyHeritage
Compartir Este Artigo
