
O real decreto publicouse o 10 de xuño de 2017 no BOE. Mediante esta disposición determínase incorporar ao ordenamento xurídico español a directiva europea relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais, que vén derrogar o RD 1837/2008, e que noutras cousas inclúe no seu Anexo VIII (que mantén do anterior RD) a listaxe de profesións reguladas en España. Neste anexo, segundo denuncia o CONCITI, “unha vez máis exclúese ás Enxeñarías en Informática”.
O Consello Xeral que preside Marcos Mata lembra que durante a tramitación do real decreto, o CONCITI e mailo CCII (Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría Informática) mantiveron distintas reunións co Ministerio de Industria, Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital e o Ministerio de Educación, co fin de que se incluísen as profesións no Anexo VIII, corrixindo “a anómala situación dunha profesión na que de facto, xa existen actividades para as que son requiridas as titulacións en Informática”.
Finalmente, desde a Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e Axenda Dixital, solicitouse formalmente ao Ministerio de Educación a equiparación da Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática ao resto de profesións reguladas, solicitude que, segundo sinalan os ditos consellos xerais, “non foi atendida debido á urxencia na transposición da directiva europea”, informando “de que se traballaría na súa incorporación a través dunha comisión interministerial, que ata a data non foi creada”.
Unha vez publicada a norma no BOE sen a inclusión da profesión no Anexo VIII, o 1 de setembro de 2017 o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática (CONCITI) interpuxo recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Supremo pola “non inclusión da profesión”, que se espera resolva o que CONCITI cre que “é de xustiza recoñecer”.
Segundo engade a entidade que preside Marcos Mata, “a non regulación da profesión de Enxeñeira/o Técnica/o en Informática suporá manter unha situación diferencial respecto ao resto de enxeñarías, algo que afecta tanto o ámbito profesional, onde se repetirán situacións de falta de garantías e responsabilidades nos servizos prestados desde empresas e administracións públicas, como ao ámbito académico, con agravios en taxas dos másteres, recoñecemento e homologación de títulos estranxeiros e en xeral a diversa lexislación que dá un trato diferente a unha profesión se é ou non regulada”.
A entidade profesional tamén anunciou que contactará cos novos responsables dos ministerios implicados con “obxecto de non demorar máis este agravio que sofre o colectivo”.
Os enxeñeiros técnicos en Informática rexeitan ante o Tribunal Supremo unha nova discriminación estatal á profesión
Compartir Este Artigo
