Que agardamos, particularmente e en conxunto, da tecnoloxía 5G? Será a solución a todos os atrancos que lles atopamos hoxe en día ás telecomunicacións dixitais ou, pola contra, será unha oportunidade máis de desenvolvemento, entre outras moitas? Para responder a estas preguntas, e para incidir nos desafíos da quinta xeración das redes móbiles, a AETG e AMTEGA desenvolven hoxe, na Cidade da Cultura, o foro Retos e Oportunidades do 5G. Trátase dun encontro pioneiro se mire por onde se mire: polo tema a tratar (o gran e definitivo pulo cara as cousas conectadas) e por ser a primeira vez na nosa terra (e a segunda a nivel estatal) que se aborda dun xeito tan claro e específico a devandita tecnoloxía nun congreso. A longa listaxe de empresas (fabricantes e operadoras de primeira liña) e entidades (centros tecnolóxicos, administracións) participantes coincidiron en salientar que, en materia de 5G, o positivo prevalecerá sobre o negativo.
A cita (na que se perfilou o marco de desenvolvemento das novas redes e a pegada que terá na sociedade galega, entre outros asuntos) foi inaugurada a primeira hora por Julio Sánchez Agrelo, presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), e Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Segundo fixo saber Sánchez Agrelo, estamos a piques de vivir unha gran revolución, un avance directo cara a extensión, espallamento e afianzamento das tecnoloxías intelixentes. Ao seu xuízo, co 5G, “cambiará radicalmente o xeito en que vemos o mundo”. Por outra banda, tamén fixo saber que, na súa opinión, os aspectos positivos da novas redes acabarán tendo meirande relevancia que os posibles problemas que poida carrexar a chegada da quinta xeración. Pola súa parte, Mar Pereira comezou a súa intervención agradecendo a presenza no foro dun importante número de organizacións privadas e públicas para, entre outras cousas, despexar dúbidas e incertidumes arredor das cousas que a tecnoloxía 4G xa non nos permite facer, porque ten as súas limitacións, e arredor das cousas que as redes da quinta xeración si que nos van permitir. Asemade, lembrou aos participantes na xuntanza que Galicia é unha excelente contorna para o desenvolvemento de novas solucións, en parte polos retos que achegan ás operadoras de telecomunicacións a súa xeografía accidentada e a súa poboación dispersa, e en parte polas características do seu propio tecido empresarial, dos seus innovadores e referenciais centros tecnolóxicos e da súa poboación (avellentada e cunhas demandas específicas de servizos tecnolóxicos e de atención que poden atopar no 5G o seu pulo definitivo). “A nova xeración de redes”, sinalou, “é sen dúbida unha gran oportunidade para o desenvolvemento tecnolóxico europeo”, e niso, dixo, deben coincidir todos os representantes públicos.
Un dos puntos máis importantes da intervención de Pereira foi a presentación do Plan 5G do Goberno galego, un programa que complementará as medidas europeas e estatais na dita materia e que terá o obxectivo de emprazar “a nosa Comunidade como territorio preferente na fase de pilotaxe de solucións tecnolóxicas baseadas na tecnoloxía 5G”. Esta fase de pilotaxe, sinalou a titular de AMTEGA, “será o paso previo ao despregue destas redes”. Pereira, nesta liña, tamén explicou que para avanzar no dito obxectivo identificaranse (en colaboración cos axentes do ecosistema galego) as áreas estratéxicas de aplicación da dita tecnoloxía en Galicia para “desenvolver probas de concepto que dean resposta a novos retos sociais e económicos”.

Para ilustrar as necesidades ás que nos enfrontamos, o profesor e investigador recordou que coa xeración 3G había centos de dispositivos conectados por cela, coa 4G abríase a posibilidade a ter milleiros por cela, e co 5G séntase o alicerce para conectar millóns de móbiles por cela e por metro cadrado. “A nova tecnoloxía”, engadiu, “non é só comunicación, senón tamén capacidade de procesado”. Con ela, dixo, haberá importantes aforros de enerxía (do 90% con respecto á 4G), as baterías poderán ter unha década de vida útil ou máis e, ademais, introducirase o empuxe definitivo da Internet das Cousas (IoT).
Mesas redondas da mañá
Logo da charla divulgativa de Ardao foi a quenda dunha mesa redonda na que Antonio Fernandez, responsable do Programa Innovación 5G produto en PSA; Benigno Rosón, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade; e Ana Ulloa, xefa de Explotación en Autoridade Portuaria de Vigo, abordaron as posibles aplicacións, as oportunidades e os beneficios que esperan do desenvolvemento das redes 5G en Galicia.
O terceiro bloque do foro centrouse nas perspectivas das redes 5G desde a visión dos operadores e os fabricantes. Didier Clavero, responsable de Data Core Vodafone; Tomás Alonso, director de Enxeñería de Produto de Orange; Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento de Rede e Infraestruturas de TI de Telefónica; e Norberto Ojinaga, director de Rede de R, expuxeron o papel que desempeñarán as redes 5G na economía e a sociedade e as perspectivas e problemáticas que ven sobre o seu despregue.
Máis tarde, a mesa redonda dos fabricantes achegou a súa visión do futuro das redes 5G e as posibilidades de uso coa participación de Iván Rejón. responsable de mercadotecnia, comunicacións e relacións coa industria e os gobernos de Ericsson; Álvaro Sánchez, responsable de Telefónica Account at Nokia; José Capote, xefe de vendas de solucións integradas de Huawei Technologies; e José Nicolás Domínguez-Staedke, xefe de desenvolvemento de negocio e estratexia en Colmena.
Xa pola tarde, o cuarto e último bloque servirá para expoñer iniciativas específicas de uso do 5G da man de entidades que están xa desenvolver solucións concretas. Nesta mesa participan Francisco Sánchez Pons, director de ITS e Electrónica en CTAG; Yudani Riobó, responsable de Innovación en Quobis; Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant e Céctor Estévez, director xeral de Centum Research & Technology.
A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír a transformación dixital da Comunidade.
