O Concello de Amoeiro (Ourense) vén de renovar o seu servizo de recadación local cunha pasarela de pago vía Internet, co que o Goberno local quere introducir un extra de comodidade, modernidade e axilidade nos procedementos e tramitacións. Esta novidade veu acompañada, no actual exercicio fiscal, coa recuperación para o consistorio do dito servizo, que ata o de agora ficaba delegado na Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Santa Águeda. A pasarela de pagamento dixital posta a disposición dos contribuíntes está inscrita agora na web municipal www.amoeiro.gal.
En concreto, na devandita páxina habilitouse unha pestana rotulada co nome de recadación que ao ser premida conduce a unha ligazón que, á súa vez, redirecciona á páxina na que se poderán introducir os datos da persoa contribuínte.
Segundo informa o Concello, unha vez realizado o pagamento mediante a pasarela electrónica, o usuario recibirá unha mensaxe no seu enderezo electrónico procedente da dirección epasarela@abanca.com na que figurará o número de referencia que acreditará a satisfacción do tributo. Quen queira máis información sobre esta nova vía de pagos, pode solicitala no Servizo de Recadación Municipal sito na planta primeira da casa consistorial (Srta. Belén).
Amoeiro ofrece á veciñanza unha pasarela de pago vía Internet
Compartir Este Artigo
