Hoxe comeza a rodaxe da que sería a primeira produción galega de Playz, a plataforma dixital de RTVE, a nova televisión por Internet da canle pública, de balde, multiplaforma e sen publicidade. Estamos a falar de Antes de perder, unha road movie de corte feminista dirixida por Sonia Méndez, que conta con Esther Acebo e Mariam Hernández como protagonistas e, tamén, cun elenco formado por Xúlio Abonjo, Manuel Manquiña, David Amor, Xose Touriñán, Marcos Pereiro, Xose Barato, Alberto Rolán, Federico Pérez, Patricia Vázquez ou Carolina Iglesias (Percebes y Grelos), entre outras. A rodaxe pasará por Compostela, Ordes, Vedra, Caldas, Muros, Padrón e Coruña.
A serie Antes de perder, que consta de sete capítulos, tamén conta coa participación das señoras da canle dixital Teño unha Horta en San Sadurniño.
O argumento é a historia de Jana e Diana, dúas mulleres de trinta e tantos que son tan diferentes en todo que en condicións normais non cruzarían unha palabra, pero que polas circunstancias actuais da vida están abocadas a compartiren algo: as súas vidas están en punto morto e só necesitan unha faísca para empezar a vivilas con intensidade… “ou para acabar apodrecendo no cárcere”. A historia é unha historia de fuxida “de retorno e de amizade”, amais de ser unha aventura “na que romper con anticuados códigos sobre o concepto de feminidade”.
Polo que se refire aos formatos elixidos, Antes que perder virá “cun universo transmedia propio”. En termos máis concretos, acompañará a súa emisión cunha miniserie de sete pílulas protagonizada polas personaxes de Xose Touriñan e Marcos Pereiro (Pequenas Doses) e coa retransmisión vía Instagram da visión da historia dunha das súas protagonistas. Por outra banda, para quen queira ir recadando datos sobre a serie, dicirlle que xa que está a pleno rendemento o Facebook de seu.
Acompañan a Sonia Méndez a produtora Nati Juncal e a directora de fotografía Lucía Catoira (recente gañadora do Premio Mestre Mateo á mellor fotografía por Dhogs), entre outras, nun equipo composto na súa maioría por mulleres.
Arrinca a rodaxe da primeira produción galega para a plataforma dixital de RTVE, Antes de perder
Compartir Este Artigo
