Esta semana temos unha cita en Santiago cos proxectos tecnolóxicos que, con nome propio, marcan e un despois na nosa (cada vez máis) acelerada viaxe cara ao futuro. Estamos a falar da xornada de portas abertas Inside the Lab, que se celebra o venres no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS). A xornada, que vai pola súa cuarta edición, xuntará algúns dos máis sobranceiros representantes da industria e do sector público máis vencellados á innovación. O reclamo non será un reclamo calquera: trátase de mostrar e pór en valor os últimos avances de investigación desenvolvidos no centro. Avances prontos para dar o chimpo ao mercado (o que se coñece como transferencia tecnolóxica).
Inside The Lab celebrarase entre as 10:00 e as 14:00 horas, achegando distintos puntos de información repartidos polo centro para visualizar algunhas das múltiples aplicacións coas que contan os sistemas desenvolvidos e madurados polos grupos de investigación locais. O obxectivo é repetir o éxito de participación de edicións anteriores, e mesmo ir alén dos importantes fitos de concorrencia acadados. Deste xeito, os científicos confían en atraer de novo o público máis especializado co obxectivo de trasladarlles as vantaxes competitivas dos seus resultados de investigación.
Na xornada participarán tamén responsables das dúas spin-offs creadas por investigadores do CiTIUS: Situm, que centra a súa actividade nas tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores, e Imagames, orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversos dominios como a formación de empregados, as técnicas de aprendizaxe virtual ou a mercadotecnia dixital.
Anterior edición
Como lembraremos, na anterior edición presentáronse ao abeiro de Inside the Lab nove proxectos e dúas spin-offs creadas por investigadores do CiTIUS. Entre as iniciativas dadas a coñecer incluíronse Polypus (solución baseada en tecnoloxías de análise de datos a gran escala que permite avaliar sentimentos que se expresan na rede social Twitter en tempo real), Calendula (unha ferramenta que posibilita a xestión da medicación persoal de cada quen) e o Explorador Diacrónico (unha aplicación semántica da historia das palabras que nos achega coñecemento de verbas asociadas a outros termos ao longo do tempo, desde o ano 1900).
Os investigadores do CiTIUS locen proxectos transferibles esta semana en Inside the Lab
Compartir Este Artigo
