O Concello de Pontevedra está a renovar os seus servizos de información cartográfica, postos en marcha hai quince anos e xa “obsoletos nunha porcentaxe significativa”, e faino dunha maneira espectacular: achegando imaxes panorámicas en 360º e con tecnoloxía en 3D. O traballo do Goberno local consistiu de base en actualizar toda a cartografía existente a escalas 1:1000, 1:2000 e 1:5000, e elaborar a ortofotografía dixital a 20 cm do municipio, o que equivale, en palabras do Concello, a unha extensión de 11.700 hectáreas.
Os labores encargados á empresa vasca Geograma, experta en tecnoloxía de mobile mapping, inclúen como dixemos tarefas intensivas de fotografado da cidade (con imaxes en 360 graos) e escaneado en 3D. Este despregue abranguera, en último termo, as rúas, camiños e zonas verdes de todo o termo municipal.
Para levar a cabo o devandito, habilitouse un vehículo específico dotado de sensores de posicionamento, cámaras de fotos e escáner 3D, que percorre arestora o territorio capturando toda a información precisa para a realización do que sería, en palabras do Concello, un “street view profesional”. Nesta fase a adxudicataria conta coa colaboración dun socio local, Geomati-K que é quen está a facer o traballo de campo.
O Goberno local, ao fío do devandito, sinala que os traballos de fotografado e escaneado “avanzan a bo ritmo”, co centro histórico e toda a área urbana cubertos, e veñen de comezar nas parroquias.
Con milleiros de fotografías en 360 graos (cunha panorámica cada 5 metros) e millóns de puntos medidos en 3 dimensións e unha información perfectamente protocolizada polos servizos técnicos, o Concello quere contar “cunha ferramenta esencial para mellorar e axilizar a xestión municipal”.
Cal será o resultado de todo isto a nivel de cidadanía? Pois, basicamente, a veciñanza e os internautas poderán facer cousas como medir a altura dun edificio, dun gálibo ou o saínte dunha cornixa “a golpe de clic”; inspeccionar fachadas, rúas o camiños; ou auditar inventarios de mobiliario, redes de servizo e infraestruturas ou calquera outro ben localizado no concello.
Pontevedra renova con imaxes en 360º o seu servizo cartográfico
Compartir Este Artigo
