A páxina web de Apple conta cunha sección na que convida á organización de excursións escolares ás súas tendas oficiais españolas, en sesións de 60-90 minutos en grupos de ata 30 persoas, ás que poden acudir estudantes de primaria e secundaria, profesores e organizacións xuvenís, actividade que podería resultar inocente, pero que dende FACUA-Consumidores en Acción advirten da súa ilegalidade segundo a Lei Xeral de Publicidade, que indica claramente que «é ilícita a publicidade dirixida a menores que os incite á compra dun ben ou dun servizo, explorando a súa inexperiencia e credulidade, ou na que aparezan persuadindo da compra a pais e titores».
FACUA quere así alertar ás consellerías de Educación das comunidades autónomas que prohiban excursións dos seus centros educativos ás tendas de Apple, como fixo hai pouco o Goberno de Francia, xa que consideran que este tipo de excursións teñen un maior interese comercial que pedagóxico, buscando condicionar os hábitos de consumo dos menores e persoas da súa contorna familiar. Tamén salientan que as autorizacións que teñen que levar os menores libra a Apple de toda responsabilidade das excursións e inclúe a cesión da imaxe dos menores para usos publicitarios.
FACUA denuncia a ilegalidade das excursións escolares ás tendas de Apple
Compartir Este Artigo
