Trala adxudicación das novas frecuencias por parte de Vodafone, de cuxas máis recentes novidades demos conta onte en Código Cero, a división española da operadora anunciou hoxe o comezo do despregue precomercial dos primeiros nodos da súa rede 5G NSA en zonas céntricas de Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Bilbao e Valencia. En termos concretos, o fornecemento de tecnoloxía materializouse en máis de 30 antenas 5G. O despregue foi levado a cabo en colaboración con Huawei e concentrouse en zonas céntricas das ditas urbes, parques tecnolóxicos e campus (nunha primeira fase piloto). Os traballos realizáronse empregando a banda de 3,7Ghz.
Segundo lembra a operadora, a tecnoloxía de quinta xeración permite cousas como a descarga de datos desde a Rede con velocidades de ata 2,2 Gbps, así como aumentar a capacidade daquela. Ademais, con 5G redúcese a latencia acadándose velocidades de resposta inferiores a 5 milisegundos. Por outra banda, a nova tecnoloxía tamén achega importantes vantaxes na capacidade de procesado, permitindo relevantes aforros de enerxía (do 90% con respecto á 4G) e alongando a duración das baterías ata a década de vida útil ou máis, amais de sentar os alicerces definitivos para o afianzamento real e efectivo da Internet das Cousas (IoT).
Ao fío das devanditas novidades, Vodafone mostrou hoxe, por primeira vez e nunha contorna de rede real 5G NSA, as posibilidades da nova tecnoloxía en aplicacións de realidade virtual, mellorando a experiencia grazas á menor latencia e á maior velocidade de descarga. “Os cidadáns”, explica a operadora, “poderán probar as novas velocidades de 5G grazas a varios routers Wi-Fi que estarán dispoñibles en distintos puntos de Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Bilbao e Valencia durante os vindeiros meses”.
En termos concretos e no plano das posibilidades concretas que se abren, a rede 5G de Vodafone posibilitará novos servizos multimedia e aplicacións que requiren conexións ultrarrápidas. Tamén facilitará o desenvolvemento das Cidades Intelixentes e novos servizos empresariais e de administracións públicas en áreas como o motor ou a saúde.
Vodafone arrinca o despregue precomercial de 5G nas principais cidades estatais
Compartir Este Artigo
