Avanza a Administración Electrónica na nosa terra (cunha taxa do 66,1% das galegas e os galegos utilizando nalgún intre as posibilidades das ferramentas dixitais para enviar formularios cubertos ás entidades públicas) e iso apercíbese en datos como os publicados estes días pola Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) no que se indica que sete de cada dez autoliquidacións de impostos tramitadas pola axencia galega o pasado ano foron confeccionadas polos contribuíntes a través da vía telemática.
Segundo explica ATRIGA, o devandito “permitiu un importante aforro para o cidadán e tamén para a Administración tributaria”. Ademais, a tendencia de uso das canles dixitais é unha tendencia á alza.
A axencia tamén explica que a confección de autoliquidacións de impostos por parte da ATRIGA lévase a cabo a través de dúas modalidades: por vía telemática, a través da Oficina Virtual Tributaria (OVT), ou pola vía presencial en calquera das 47 oficinas habilitadas.
O pasado ano, o 69,9% das autoliquidacións de impostos confeccionáronse a través da vía electrónica, o que permitiu un aforro para os contribuíntes de case 23 millóns de euros, fronte ao 30,1% de autoliquidacións realizadas en papel. A porcentaxe de autoliquidacións confeccionadas por vía telemática medrou 20 puntos desde 2010, ano en que a metade das mesmas aínda se presentaba en papel.
Sete de cada dez autoliquidacións de impostos presentadas na ATRIGA foron telemáticas
Compartir Este Artigo

