O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidiu este último día de xullo o acto de toma de posesión de José Antonio Becerra Permuy como profesor titular de Universidade da área de coñecemento de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, do departamento de Computación. O acto, que se celebrou no salón da Reitoría, contou tamén coa participación do secretario xeral da UDC, Carlos Aymerich.
Segundo informa a Universidade, facendo un percorrido pola experiencia e contribucións recentes do profesor, Becerra Permuy impartiu este curso a materia Informática nos graos en Enxeñaría Eléctrica e Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, na Escola Universitaria Politécnica, e nos graos en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais e Enxeñaría Mecánica, na Escola Politécnica Superior. Ademais foi o responsable da materia de Robótica no Grao en Enxeñaría Informática na Facultade de Informática. As súas liñas de investigación xiran arredor do proxecto Autonomous robots, evolutionary computation and artificial neural networks, que desenvolve no Grupo Integrado de Enxeñaría. Ademais, o profesor Becerra é o impulsor e coordinador do concurso First Lego League Galicia, que se organiza na Universidade da Coruña (Campus de Ferrol) desde hai catro anos e que foi quen de xuntar, neste última edición, máis de 200 escolares (26 equipos) de Galicia e Asturias.
José Antonio Becerra, profesor titular de Ciencias da Computación e IA pola UDC
Compartir Este Artigo

