Aínda que Plex é unha das solucións máis completas e potentes para a xestión e reprodución de coleccións audiovisuais en rede, a súa versión na nube fora unha proposta extraordinariamente atractiva, que dende os seus primeiros momentos tivo grandes atrancos que superar, de xeito que tiveron que retirar o soporte de Amazon Drive e progresar moi lentamente antes de poder abrir a plataforma ao público xeral.
Actualmente Plex Cloud permítenos gardar os nosos documentos audiovisuais en Dropbox, Google Drive e OneDrive, para o seu acceso dende numerosos dispositivos (móbiles, ordenadores, televisores conectados, consolas…), sen a necesidade de manter un servidor acendido as 24 horas do día, pero a infraestrutura a nube de Plex para poder ter este servizo activo ten un prezo que finalmente non son quen de asumir, polo que hoxe anuncian que o 30 de novembro apagarán o seu servizo na nube.
Dende Plex lembran que o seu software de servidor multimedia continúa a funcionar dende ordenadores persoais ou sistemas conectados en rede (que van dende discos duros conectados ata completos servidores NAS), polo que é bastante accesible esta solución para ter unha especie de Netflix privado, no que ter os contidos organizados e rexistrar a actividade de reprodución.
Plex anuncia o peche do seu servizo de servidor na nube
Compartir Este Artigo
