A figura do Apalpador segue a incrementar os seus recursos nas redes, logo do audiovisual do que falamos onte, subido ás comunidades dixitais pola Escola Semente de Santiago. Agora é a quenda da Mesa pola Normalización Lingüística, que vén de publicar para libre descarga unha carta para que as nenas e os nenos poidan enchela e enviarlla ao carboeiro do Courel. A carta compleméntase cunha unidade didáctica ilustrada por Oscar Villán cunha decena de actividades e xogos ao redor do xigante das montañas de Lugo. Segundo lembra a Mesa, o Apalpador é unha figura mítica galega que baixa dos cumios do Courel as noites do 24 ou do 31 de decembro para deixar agasallos ás nenas e aos nenos.
A Mesa completa con estes materiais para o uso escolar e familiar e máis co catálogo de agasallos, a oferta de recursos para que “a cativada galega poida gozar o Nadal e xogar na súa lingua”. E máis tendo en conta que, segundo os datos do Informe da lingua dos xogos e xoguetes elaborado por Sonia Calo o ano pasado e dispoñible no espazo dixital da Mesa, a situación da lingua galega nestes produtos “é tan precaria que unicamente o 0,6% dos xoguetes teñen opción de galego”, porcentaxe que “cae ata o 0,38% cando só están en galego”.
A Mesa publica unha carta ao Apalpador e unha unidade didáctica con xogos
Compartir Este Artigo

