A economía circular será a protagonista do ciclo de conferencias que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) organizan en Santiago de Compostela para os días 17, 18, 19 e 20 de decembro.
Os relatores convidados ofrecerán unha visión de conxunto que representa a colaboración entre axentes necesaria para o avance da economía circular, que avoga por un novo modelo no que se aplica, en toda a cadea de produción de bens, o sistema multi-r: repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar. A súa prioridade é o crecemento intelixente e sustentable co menor impacto ambiental posible.
As conferencias van dirixidas ás empresas que queiran incorporar este novo enfoque na súa estratexia futura a curto e medio prazo, aos estudantes de grao e mestrado, a investigadores en formación e a calquera persoa interesada neste novo modelo económico.
Intervirán como relatores representantes da Xunta e do Concello da Coruña; investigadores da USC, da Uvigo e de Anfaco-Cecopesca; e representantes de empresas e entidades relacionadas co sector, como Ecoembes, a Sociedade Pública de Xestión Ambiental do Goberno Vasco (IHOBE), Inèdit e Revertia.
Este ciclo é a vixésimo primeira edición da iniciativa Avances en ciencia e tecnoloxía que a RAGC organiza para difundir tendencias e que na actualidade se celebra conxuntamente coa CEG e coa agrupación estratéxica CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC), baixo o patrocinio da Deputación da Coruña.
A inscrición, de carácter gratuíto, pode formalizarse ata o 17 de decembro a mediodía vía web.
A RAGC e a CEG difunden os esforzos para avanzar cara a economía circular
Compartir Este Artigo

