O Servizo Galego de Saúde puxo hoxe en marcha a posibilidade de que os galegos poidan acceder e descargar as súas probas diagnósticas de imaxe tales como TAC, resonancias ou radiografías. Esta prestación era unha das máis demandadas polos pacientes e as súas asociacións. Cómpre sinalar que para posibilitar este servizo foi necesario implantar en todos os centros do SERGAS os sistemas informáticos que posibiliten xerar ficheiros en formato estándar. Así mesmo, realizouse o correspondente período de probas de seguridade.
Convén lembrar que poden acceder e descargarse as probas diagnósticas os usuarios con tarxeta sanitaria do SERGAS que teñan creada unha conta na plataforma É-Saúde, ben como titulares ou ben con autorización de acceso delegado. A identificación require nivel alto de seguridade e, polo tanto, pode realizarse mediante DNI ou certificado da FNMT ou CHAVE 365. Nestes dous últimos casos, deben ter solicitado o acceso no seu centro de saúde. Así mesmo, mantéñense os criterios de acceso para os pacientes do resto de informes e probas diagnósticas, tras visita médica presencial ou telefónica rexistrada polo seu profesional ou, no seu defecto, pasados 30 días dende a data de xeración do informe.
Debe terse en conta a complexidade tecnolóxica do proceso, polo que cada paso do mesmo se explica no apartado axuda (preguntas frecuentes) de É-Saúde, insistindo en que só pode visualizarse dende un PC, e que a descarga consume moitos datos, polo que se recomenda que se realice dende un ordenador.
Na actualidade, É-Saúde ten 62.900 contas creadas por pacientes con tarxeta sanitaria do SERGAS, un 10% deles accede a diario, aos que hai que engadir os máis de 6.000 usuarios que acceden aos servizos en aberto e que non requiren identificación segura.
Dende a posta en marcha de É-Saúde se foron incorporando novos servizos, como o acceso aos informes de Tratamento Anticoagulación Oral, xa estendido a todos os centros do SERGAS, a integración de trámites administrativos ou a posibilidade de darse de alta en sistemas de avisos por SMS do SERGAS, entre outros.
É-Saúde facilita a descarga das nosas probas diagnósticas dende hoxe
Compartir Este Artigo

