Dun tempo a esta parte, a nosa terra estase a emprazar entre os países máis activos no impulso da medicina personalizada, o que significa que boa parte dos principais avances que se están a dar no estudo do que somos, a un nivel exhaustivo e pormenorizado, teñen a súa orixe aquí. Boa parte da “culpa” disto téñeno entidades como a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (FPGMX) que, coa axuda doutras entidades como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), están a desenvolver un papel fundamental no camiño dos tratamentos individualizados: a atención humana, médica e farmacolóxica feita á nosa medida.
A nivel tecnolóxico e de metodoloxías, a nosa terra é xa un referente en técnicas concretas como o secuenciado masivo de ADN entre a poboación con cancro de mama ou de ovario no historial familiar. Segundo puidemos saber, a dita fundación realiza 20.000 probas ao ano no devandito eido de investigación.
Por certo que entre os principais ingredientes que impulsan e fan posible o labor de secuenciado do ADN a gran escala atópase un ingrediente do que sen dúbida imos escoitar falar moito no futuro, a curto e medio prazo: a computación de alto rendemento, coñecida en inglés como High Performance Computing (HPC). Trátase da fórmula que fai posible o manexo e o almacenamento dos datos masivos que abrollan do estudo pormenorizado do noso código. Isto sería imposible sen a potencia de computación avanzada, cousa na que salienta, precisamente, o CESGA.
A este respecto, o centro lembra que Galicia ocupa un lugar moi importante na medicina xenómica e que no alicerce destes avances está a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (FPGMX), dirixida polo catedrático Ángel Carracedo. Este ente naceu no 2003, tras décadas de traballo do grupo de investigación da Universidade de Santiago (USC), e converteuse no centro de xenómica de maior volume de España: como dixemos, na actualidade realizan 20.000 probas ao ano. Unha boa cantidade destas probas son relativas ao cancro, atendendo as opcións de padecermos a doenza dende un punto de vista hereditario. Asemade, diagnostícanse enfermidades raras con base xenética e outras ligadas a trastornos como o autismo ou a doenzas mentais como o alzhéimer. Sobre este último punto, secuenciar o ADN de milleiros de pacientes permite aos investigadores da fundación describir mellor a doenza, podendo deseñar fármacos personalizados ou mellorar a orientación da terapia.
Recursos do CESGA
Como dixemos, para procesar os resultados da ultrasecuenciado é necesaria (fundamental) a supercomputación. Segundo explican fontes do CEGA, os resultados típicos de traballar no dito ámbito de investigación xeran entre 200 e 300 gigabytes e precisan de seis a oito horas de HPC. Este proceso, de non existir os recursos tecnolóxicos que xa están dispoñibles no centro galego dende hai tempo, xeraría xornadas enteiras de traballo diante dun computador, ou simplemente serían inviables por falta de memoria e capacidades.
Respecto dos pasos a dar, o traballo de lectura propiamente dito comeza nos propios secuenciadores e logo nos servidores de análise, unha vez que se envorcan neles os resultados crus. En calquera caso é preciso que os sistemas de almacenamento empregados permitan consultas efectivas, reais e doadas de facer. Segundo informa o CESGA, nos últimos sete anos, co incremento da actividade de secuenciado, a fundación afrontou o crecemento coa adquisición de secuenciadores máis potentes no ámbito do laboratorio e, na parte de computación e almacenamento, demandando máis recursos ao CESGA.
A Fundación Xenómica e o CESGA converten Galicia en referente no pulo aos tratamentos personalizados
Compartir Este Artigo

