O Consello da Cultura Galega (CCG), a través do Mapa Sonoro de Galicia e das redes sociais, está a celebrar estas festas poñendo en liña unha serie de gravacións de cantos de Reis e de Nadal. Trátase de rexistros sonoros de diversa procedencia (A Mariña de Lugo, a comarca de Compostela, Arzúa, Ourense, etc) xeolocalizados, dixitalizados e documentados a través de #mapasonorodegalicia.
Boa parte destas gravacións forma parte do traballo A cultura popular de tradición oral nos centros da terceira idade, realizado ao longo de 1992 en diferentes residencias (Tui, Ourense, Santiago de Compostela e Viveiro) e agora dispoñible no Mapa Sonoro de Galicia.
Baixo a tutela de Afonso Vázquez-Monxardín, a investigación dos centros de maiores recolle ducias de gravacións que documentan un xeito de entender e coñecer a nosa terra, o anterior á comunicación tecnolóxico-dixital, en proceso de esmorecemento. O traballo abrangue cantigas, lendas, contos, romances, arrolos, e demais xéneros cultivados pola música que “estivo tan presente no rural galego dos séculos recentes”, en palabras do CCG.
A orixe do mapa
O Mapa Sonoro está a celebrar estes días o seu primeiro ano de actividade. Con este recurso, o Consello da Cultura Galega quixo achegar unha web que analizase, debullase e deixase patente a diversidade cultural de Galicia a través do seu son. Ou sexa, mediante arquivos de audio: a Galicia escoitable. O proxecto, máis en detalle, abrolla do obxectivo de fornecer á cidadanía dunha “perspectiva xeográfica” a coleccións sonoras xa custodiadas pola institucións, no Arquivo Sonoro de Galicia, ou por outras entidades e particulares. O Mapa céntrase en traballos antropolóxicos, etnográficos, lingüísticos ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana. Conta con arredor de medio milleiro de documentos sonoros.
O Mapa Sonoro pon nas redes os nosos cantos tradicionais de Nadal
Compartir Este Artigo

