O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia está a ser o escenario para o desenvolvemento dun proxecto tecnolóxico e ambiental que busca facer seguimento a distancia das nosas poboacións de corvo mariño e, a medio e longo prazo, estabilizar e mesmo facer medrar os exemplares. Os responsables do proxecto (Consellería de Medio Ambiente) deron a coñecer hoxe os seus primeiros resultados. A iniciativa comezou en xuño, co equipamento de dúas aves con dispositivos tecnolóxicos de localización: dúas femias, unha pertencente á illa de Sagres e outra á de Ons. Os sistemas empregados, ultralixeiros (de 17 gramos de peso) e impermeables, transmiten posicións GPS pola rede GSM, a mesma que ata hai pouco empregaban os teléfonos móbiles.
Ademais, trátase duns equipamentos hidrodinámicos, que resisten os continuos mergullamentos no mar dos animais e que garanten operatividade cun miúdo panel solar. A monitoraxe efectúase directamente vía Internet.
No seu balance de actividade, a Consellería de Medio Ambiente, amais de informar de que o Parque Nacional ten intención de dar continuidade a estas sistemas ao longo de 2019 e estendelos a máis exemplares, sinalou que os datos recollidos “suxiren que unha parte importante da poboación de corvo mariño cristado do Parque Nacional das Illas Atlánticas podería estar alimentándose de xeito rutineiro fóra do espazo protexido, e que mesmo pasarían longas tempadas fóra del”. De confirmarse estes datos, explica Medio Ambiente, “terían importantes implicacións á hora de deseñar e impulsar estratexias de conservación efectivas para estas poboacións ameazadas que contan no arquipélago das Cíes cun dos núcleos reprodutivos máis importantes da especie”.
No marco desta investigación recolléronse máis de 4.000 posicións coas que foi posible coñecer “moi polo miúdo” os movementos dos dous devanditos exemplares.
O parque das illas proba a fondo un sistema de localización de corvos mariños
Compartir Este Artigo

