A reutilización e o tratamento axeitado de refugallos electrónicos e eléctricos vai ter un novo pulo na nosa terra. Así o anunciou hoxe o Goberno galego, que mobilizará este ano un investimento de preto de 800.000 euros para o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022. O dito orzamento irá destinado á execución de diversas actuacións e medidas incluídas no documento co “obxectivo de optimizar a xestión deste tipo de residuos”, segundo informou a Consellería de Medio Ambiente.
En termos máis concretos favorecerase a divulgación da prevención na xeración de refugallos, impulsarase a difusión activa a todos os axentes do sector, e estableceranse canles efectivas de comunicación entre a administración e os principais sectores implicados.
Os oito bloques de actuación do plan que centraron os esforzos o ano pasado seguirán en 2019 a guiar as actuacións da consellería. Entre estes bloques atópanse dous que nos tocan de preto: as actuacións para a mellora da xestión, da rastrexabilidade e da información dos residuos de baterías e acumuladores; e máis as accións de formación-información destinada aos produtores e xestores de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE).
Ao remate do exercicio 2018 o custo das iniciativas postas en práctica ao abeiro de cada un dos oito devanditos bloques ascendeu a 491.585,26 euros, un labor ao que se lle dará continuidade este ano coa execución de novos traballos por un importe de 796.912,98 euros.
Galicia incrementa o investimento para a xestión de refugallos electrónicos
Compartir Este Artigo

