A cuarta edición do certame online de cancións de Nadal impulsado polo Concello de Zas xa ten gañadores. Os responsables do concurso, que se coñece como PanxoliñaZas e que se dirixe a premiar as mellores interpretacións musicais presentadas pola veciñanza nas redes, resolveu darlle o galardón ao vídeo máis popular en Facebook ao CPI de Zas, que recibiu un total de 114 gústame pola súa creación Polo Nadal.
Pola súa banda, o premio á mellor presentación e posta en escena foi para O Nadal do Allo (Os Petadores) e o galardón á obra con máis fidelidade á tradición galega recaeu en Canto de Reis de Langueirón (Asociación de Baile Tradicional Churía).
Asemade, resultou distinguida a Asociación A Pita Cega, autora do mellor vídeo infantil: Cun sombreiro de palla.
Segundo informou o Goberno local, este é o cuarto ano que o Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, organiza este concurso. “Con este certame preténdese fomentar o uso da lingua galega e das novas tecnoloxías da información así como manter as tradicións”, engadiu o equipo de Goberno, que entregou este sábado os premios do certame no Centro Sociocultural local.
Zas premiou as mellores panxoliñas presentadas pola veciñanza nas redes
Compartir Este Artigo

