O centro AtlantTIC da Universidade de Vigo recibiu hoxe a visita da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar. Durante o seu percorrido polas instalacións do centro, a titular da Educación tivo a oportunidade de coñecer a fondo os importantes proxectos nos que traballa AtlantTIC, que, como lembraremos, é unha agrupación estratéxica centrada na investigación científica en áreas TIC: comunicacións dixitais, redes sen fíos, comunicacións por satélite, teledetección, ou visión por ordenador e procesado de imaxes, entre outras áreas.
A visita da conselleira (acompañada polo reitor Manuel Reigosa) aos centros da Universidade de Vigo complementouse con achegamentos ao Centro de Investigación Biomédicas (CINBIO) e a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT).
Na súa estadía, Pomar lembrou que o departamento que dirixe financia os devanditos centros de I+D da UVigo con 12,5 millóns de euros, e que nestes están arestora operativos 38 grupos de investigación que aglutinan preto de 600 científicas e científicos.
Carmen Pomar salientou ademais “o alto nivel de estudo que se leva a cabo nestes centros punteiros no seu eido de acción”, como proban os máis de 16 millóns de euros de media anual que captan para proxectos, as solicitudes de patentes que xeran, a creación de empresas vencelladas (spin-off), e a publicación de artigos científicos en revistas internacionais.
A conselleira tamén tivo ocasión de achegarse ao Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial, no Edificio MTI. Trátase dun centro de apoio á investigación da Universidade de Vigo cuxo equipamento e adecuación foi financiado con 600.000 euros pola Consellería a través dun convenio coa universidade viguesa.
AtlantTIC mostra a súa actividade perante a conselleira de Educación
Compartir Este Artigo

