SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, recomeza este ano con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Se antonte dimos conta das 21 accións preparadas para a comarca de Vigo (nos centros SmartPEME de Ponteareas, Vigo e Porriño) e onte das 14 actividades previstas para Pontevedra e a contorna de Lalín, hoxe centrámonos en Cambados e nas súas 7 citas profesionais coas TIC. Haberá oportunidades para adestrarnos en ecommerce, mercadotecnia móbil e estratexias dixitais de venda avanzadas.
As inscricións nos devanditos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
O primeiro dos obradoiros de Cambados este ano será Xestiona o teu negocio dende o móbil e desenvolverase o xoves día 10, a partir das 19 horas. O seguinte será o martes 15 de xaneiro, cando a partir das 19 horas terá lugar o curso Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet. O terceiro curso do ano será Chatbots: A automatización da atención ao cliente, a celebrar o 17 de xaneiro, ás 18 horas. A seguinte semana, Cambados acollerá O márketing móbil e a súa importancia no sector turístico, o martes 22 de xaneiro, ás 17 horas, e Social Media Listening: o que se di do teu negocio en Internet, o xoves 24 ás 19 horas. Por último, o martes 29 de xaneiro, ás 17 horas, celebrarase o obradoiro Google Calendar, moito máis que unha axenda e o xoves 31 de xaneiro, ás 19 horas, Márketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva.
A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no enderezo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Cambados acolle sete obradoiros para adestrarnos en ecommerce
Compartir Este Artigo
