SmartPEME ofrece 21 obradoiros TIC na contorna de Vigo

luns, 7 de xaneiro do 2019 Redacción

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, regresa este mes de xaneiro con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, estamos a falar de 21 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas, Vigo e Porriño. A estas actividades cómpre engadir as previstas para as oficinas de Cambados, Pontevedra, Lalín, A Estrada e Barro, das que iremos dando conta os días vindeiros. As inscricións nos devanditos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
As quendas en Vigo comezan este martes, 8 de xaneiro, con Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas. A seguinte acción será Crea unha páxina profesional con WordPress, o xoves 10. O curso Marketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva chegará a Vigo o xoves 17. O martes 22 Plugins de WordPress para mellorar a túa web. O xoves desa mesma semana será a quenda de Coñece as tendencias en economía dixital: Deseño 3D e robótica. A quenda de Social Media Listening: O que se din do teu negocio no Internet chegará o martes 29. E, para rematar, Chatbots: A automatización da atención ao cliente terá lugar o xoves 31. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación, atópase na Rúa Oporto, nº 3.
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: Marketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva, o martes 8 de xaneiro. O xoves 10 terá lugar Pasarelas de pago para o comercio electrónico. O martes da seguinte semana impartirase Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet. A seguinte será Social Media Listening: O que se din do teu negocio en Internet, o martes 22. A quenda de Empresas turísticas nas AAPP. Trámites para mellorar a presenza en liña será o xoves 24 de xaneiro. Por outra banda, o martes 29 terá lugar o obradoiro Chatbots: A automatización da atención ao cliente. E, xa por último, o xoves 31 Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
A oficina do Porriño acollerá os obradoiros inícianse o martes o día 8, co curso Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas. Pola súa banda, Marketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva chegará o xoves 10. O martes 15, impartirase Crea unha páxina profesional con WordPress. A acción Plugins de WordPress para mellorar a túa web terá lugar o martes 22. O xoves 24 de xaneiro, O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram. O martes 29 o curso Empresas turísticas nas AAPP. Trámites para mellorar a túa presenza en liña. E, por último, o xoves desa mesma semana terá lugar Google Calendar, moito máis que unha axenda. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE