A Deputación organiza 14 obradoiros TIC en Lalín e Pontevedra

martes, 8 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, volve con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Se onte dimos conta das 21 accións preparadas para a comarca de Vigo (nos centros SmartPEME de Ponteareas, Vigo e Porriño), hoxe é a quenda de informar das actividades previstas para Pontevedra e a contorna de Lalín. Serán, en total, 14 obradoiros tecnolóxico-dixitais a desenvolver nas sedes de SmartPEME en Lalín e máis na cidade do Lérez (na sede da Deputación): sete actividades en cada unha das localidades.
As inscricións nos devanditos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
As quendas para a cidade de Pontevedra son as seguintes: martes 8 de xaneiro, Google Calendar, moito máis que unha axenda, ás 19 horas. O xoves, 10 de xaneiro ás 18 horas, será a quenda de Crea unha páxina profesional con Wordpress. O curso Plugins de WordPress para mellorar a túa web impartirase o martes 15 ás 19 horas. O martes 22, ás 17 horas, terá lugar Marketing de contidos: como xerar unha estratexia efectiva. Esa mesma semana, o xoves 24 ás 19 horas, vaise impartir o obradoiro Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console. O curso Iniciación ao deseño gráfico chega o martes 29 ás 18 horas. Por último, o xoves 31 ás 19 horas, impartirase Social Media Listening: O que se din do teu negocio en Internet. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
A primeira cita do mes na oficina SmartPeme de Lalín terá lugar este martes 8 de xaneiro, ás 19.00h, en concreto o curso Como promover o teu propio evento en redes sociais. A segunda cita será esa mesma semana, o 10 de xaneiro, cando a partir das 19.00h celebrarase Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas. O martes 15 de xaneiro, ás 17.00h, desenvolverase en Lalín o curso Xestiona o teu negocio dende o móbil e o xoves 17 de xaneiro, ás 19.00h Márketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva. O seguinte obradoiro será Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet, o xoves 24 de xaneiro ás 18.00h. Por último, o martes 29 de xaneiro ás 19.00h impartirase o curso Chatbots: A automatización da atención ao cliente e o xoves 31 de xaneiro, ás 17.00h, O márketing móbil e a súa importancia no sector turístico. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE