Hoxe a Deputación de Lugo levou a cabo unha actividade para achegar á xuventude aos segredos do emprendemento innovador e, máis en concreto, ás amplas posibilidades que ofrece o rural da provincia para crear empresas, riqueza e postos de traballo. A actividade, inserida no Campus de Emprendemento Sostible da Deputación, desenvolveuse nas sedes das novas empresas Milhulloa e Arqueixal, ambas as dúas en Palas de Rei, e Artesanía e Calabazas Mago de Luz, no Corgo. Nas visitas participaron 15 mozas e mozos do IES de Becerreá. Segundo fixo saber a Deputación, as empresas como as devanditas “están a reinventar o rural de Lugo”. Asemade, son un exemplo de uso produtivo e rendible das tecnoloxías da comunicación e das redes sociais.
Na actividade de hoxe fixo acto de presenza o voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, quen subliñou que “a través desta programación, impulsamos o emprego na provincia ofrecendo a emprendedores formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresariais consolidadas”. Ademais, engadiu a aposta da Deputación por “ofrecer visitas ás empresas co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes, facéndoos máis competitivos e incrementando os seus beneficios”.
Como dixemos, as tres empresas rurais que visitaron hoxe as rapazas e rapaces son tres firmas lucenses referenciais en innovación e proxección, todas elas con crecente presenza na Internet e nas redes sociais: Milhulloa (impulsada por mulleres e adicada ao cultivo de plantas medicinais e aromáticas), Arqueixal (unha granxa familiar que produce leite fresco ecolóxico, queixos e iogures) e a Artesanía Calabazas Mago de Luz (emprazada no Corgo e centrada no deseño e elaboración de lámpadas con cabazas).
O Campus de Emprendemento Sostible, para quen non o saiba, é unha iniciativa pioneira da Deputación de Lugo que busca ofrecer formación e asesoramento de balde para xerar novas oportunidades no rural fomentando e impulsando o emprendemento na provincia. Cos seus obradoiros de motivación empresarial e de ideas os participantes coñecen o significado e a importancia de situar un negocio sustentable na Reserva da Biosfera e a necesidade de crear novas fórmulas para emprender de maneira respectuosa co medio ambiente. Co obxectivo de axudar a novos emprendedores a coñecer a viabilidade dos seus proxectos, a Deputación tamén está a realizar obradoiros de maduración de ideas empresariais nos que participan persoas con avanzadas ideas de negocio e que contan, ademais, con asesoramentos personalizados no ámbito tecnolóxico, económico, comercial ou medio ambiental cara a posta en marcha dos seus negocios.
Dende a posta en marcha desta iniciativa, foron unhas 500 as persoas de todas as idades que recibiron esta formación de xeito totalmente gratuíto, creando 21 novas empresas na provincia.
As empresas innovadoras do rural de Lugo mostran o seu quefacer aos estudantes
Compartir Este Artigo

