A Deputación da Coruña convocou os días pasados a terceira edición dos seus galardóns ás mellores iniciativas empresariais: os Premios PEL. O certame, que repartirá 75.000 euros, servirá novamente para distinguir, mostrar e impulsar as empresas, asociacións empresariais e concellos que fomenten o emprego e mailo emprendemento.
Os galardóns foron dados a coñecer polo presidente provincial, Valentín González Formoso, quen salientou a madureza do certame, ao que concorreron 148 empresas na pasada edición e que este ano incluirá tres novas categorías: premio á mellor iniciativa empresarial xeradora de emprego, premio ao concello promotor do emprego de calidade e premio á mellor asociación empresarial.
Os galardóns insírese na liña PEL-EMPRENDE do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación. Amais dos ditos obxectivos, diríxense a aportar un valor engadido ás empresas, facilitándolles soporte para transformar ideas actuais en emprego de calidade e contribuíndo a dinamizar novos proxectos. As cinco categorías quedarían deste xeito:
· Primeira categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial nova
· Segunda categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada
· Terceira categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial xeradora de emprego
· Cuarta categoría: Premio ao concello promotor do emprego de calidade
· Quinta categoría: Premio á mellor asociación empresarial
Cada unha das modalidades contará cunha contía de 15.000 euros, polo que o importe total destinado pola Deputación a esta nova edición dos premios suma 75.000 euros.
Nas dúas primeiras categorías valorarase a orixinalidade do proxecto empresarial, a súa capacidade de expansión, así como o seu carácter innovador e a creación de emprego no territorio, entre outros factores.
No que respecta á terceira, está destinada a pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que contribúan á creación de emprego e, consecuentemente, ao desenvolvemento socioeconómico e a fixación da poboación. Teranse en conta parámetros como o incremento no número de empregados/as , o incremento no número de empregados/as con contrato indefinido, as medidas sociolaborais de RSE implantadas pola empresa, entre outros.
Polo que se refire á cuarta modalidade, a dos concellos, poderán presentarse entidades locais de menos de 20.000 habitantes que impulsen a creación e consolidación de empresas e promovan a xeración de emprego de calidade. Nesta categoría valoraranse aspectos como a xeración de emprego, a inclusión de colectivos en risco de exclusión social, o fomento do traballo colaborativo e a poboación do municipio, entre outros.
Por último, a quinta categoría busca premiar o labor a prol do emprendemento e a innovación de asociacións, agrupacións, federacións e confederacións de empresarios/as da provincia da Coruña. Teranse en conta factores os servizos ofertados pola asociación, as actividades e proxectos postos en marcha pola mesma, os logros acadados, entre outros.
A Deputación da Coruña premiará as mellores achegas ao emprendemento e ao emprego
Compartir Este Artigo

