O Concello de Carballo informou esta semana da amplitude e cobertura xeográfica que van ter os traballos de fornecemento de redes ultrarrápidas que se van levar a cabo no termo municipal, ao abeiro do Plan de Extensión de Banda Larga impulsado pola axencia AMTEGA e do que Telefónica é adxudicatario (ao que cómpre engadir as actuacións impulsadas polo Goberno central). Segundo fixo saber o rexedor Evencio Ferrero tras unha xuntanza mantida coa directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, o dito plan permitirá mellorar a cobertura de Internet en 37 núcleos de poboación de 14 parroquias do concello. Así llo comunicou AMTEGA ao propio alcalde de Carballo, que explicou que o despregue de redes ultrarrápidas no territorio local permitirá “ir dando resposta a unha reiterada demanda que nos trasladan os veciños e veciñas a través dos consellos parroquiais”.
O rexedor tamén explicou que os traballos teñen dúas vertentes ou vieiros. Por unha banda, a compañía Telefónica de España S.A. conta cunha subvención da Xunta e o FEADER de 14,2 millóns de euros para ofrecer servizos de acceso á rede de máis de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica en varios núcleos galegos, entre eles os de Quintáns e Vivente (Ardaña), A Ganduma, O Moucho e Vilarnovo (Berdillo), Queo de Arriba, O Requeixo e Loenzo (Bértoa), Cances da Vila (Cances), O Monte e Ponte Rosende (Carballo), As Torres (Oza) e Bolón e Guntián (Sofán). O investimento xa está en marcha e terá que realizarse entre este ano e o 2020, explicou o alcalde reflectindo os datos achegados por AMTEGA.
Por outra banda, están xa en curso actuacións subvencionadas polo Goberno central que permitirán servizos de acceso ultrarrápido a Internet en Queo de Abaixo, A Rega e O Fondal (Bértoa), Cances Grande (Cances), e Arnados e Razo da Costa (Razo). Adicionalmente, en novembro de 2018 o Estado concedeu novas subvencións que permitirán servizos de acceso ultrarrápido a Internet nas seguintes entidades: Feira de Berdillo (Artes), O Añón e As Casas Novas (Berdillo), A Ponte e Porto da Rama (Bértoa), A Barreira, A Brea, A Grela, As Labradas e Os Loureiros (Carballo), A Baixa de Entrecruces, Xoane da Estrada (Goiáns), Castrillón (Lema), Imende (Noicela), As Encrucilladas (Oza), Nétoma (Razo) e Rebordelos.
Amais, Evencio Ferrero lembrou que está previsto que o Estado siga convocando subvencións para que os operadores continúen co despregue destas redes.
As redes ultrarrápidas chegarán a 37 lugares de 14 parroquias de Carballo
Compartir Este Artigo

