Fachada da Casa do Concello de PonteareasA Concellería de Novas Tecnoloxías de Ponteareas que dirixe Benito Márquez adxudicou a instalación de 31 puntos Wi-Fi (Internet sen fíos), equipamentos informáticos e o seu mobiliario nas casas culturais das parroquias do termo municipal. A iniciativa supón un investimento de 106.000 euros con cargo aos fondos europeos do programa Ponteareas, Hábitat Saudable. Con esta acción, o Goberno local pretende achegar as novas tecnoloxías a toda a veciñanza e conseguir a alfabetización dixital nun intre no “que se comeza a xeneralizar a tramitación electrónica coas administracións”, explicou o concelleiro. Segundo engadiu, “na actualidade aínda é moita a veciñanza do rural que carece nos seus fogares de equipos informáticos e conexión a Internet. Dando este servizo nas casas culturais a xente poderá relacionarse de maneira telemática e de balde coa administración”. Márquez tamén explicou que con esta medida, ademais, “o Concello faise cargo da conexión a Internet para os usuarios das casas culturais, un servizo que agora asumían e pagaban as propias asociacións alí onde contaban con el”. O obxectivo extra destes traballos é “asegurar a igualdade no acceso aos servizos no rural e facilitar a atención aos cidadáns fóra dos horarios presenciais da Administración local, reducindo os desprazamentos e o consumo de papel”. o concelleiro de Novas Tecnoloxías de Ponteareas, Benito MárquezO concelleiro explicou a maiores que o sistema de rexistro para acceder á Wi-Fi será centralizado, de modo que calquera cidadán poderá acceder a Internet en calquera casa cultural diferente daquela na que se rexistrou. O acceso conta cun sistema de validación e navegación que ofrece “total segu ridade ao veciño que se conecte”. A concelleira de Cultura, Hortensia Bautista tamén comunicou a previsión de manter un encontro coas xuntas directivas das casas e centros culturais para facilitar toda a información e coordinar a posta en servizo dos puntos de acceso á Internet sen fíos.