O CEI Nodus de Lugo ten a día de hoxe un cen por cen de ocupación no que se refire a novos proxectos de emprendemento. En termos máis concretos, o espazo lucense dá acubillo neste intre a unha trintena de emprendedoras e emprendedores, onde xa tiran proveito das vantaxes do traballo innovador colaborativo ao tempo que comparten solucións e experiencias para melloraren os seus negocios. Este venres participaron nunha xuntanza de networking para afianzar o contacto e para verificar as fortalezas e feblezas de cadanseu proxecto. Á cita tamén acudiu a alcaldesa, Lara Méndez, xunto coa concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.
Nunha primeira parte do encontro, cada un dos participantes presentouse a si mesmo e á empresa que impulsan ao abeiro do CEI Nodus. Nunha segunda, formáronse mesas de traballo con distintas temáticas, abordando cuestións como por exemplo os atrancos que teñen os emprendedores e empresas no transcurso da súa actividade diaria. Cada mesa, pola que pasaron todos os asistentes, contou cun moderador para dinamizar o debate e extraer logo as conclusións do mesmo.
Esta iniciativa forma parte da actividade do CEI Nodus, que, alén do seu labor ordinario, en palabras da alcaldesa “moi dinámica e intensa de por si”, desenvolverá nos vindeiros meses os oito proxectos relacionados co emprendemento que foron solicitados pola cidadanía nos Orzamentos Participativos, e que consisten fundamentalmente en accións formativas, de capacitación e asesoramento dirixidas á xuventude, mulleres, autónomos e PEME co fin de implantar ou mellorar unha actividade empresarial a través das novas tecnoloxías, a innovación e a creatividade.
O CEI Nodus de Lugo impulsa o traballo colaborativo de 30 emprendedoras e emprendedores
Compartir Este Artigo

