A Asociación PuntoGal e a Real Academia Galega (RAG) convocan por segundo ano consecutivo o seu concurso de microrrelatos, que incorpora como novidade unha ampliación das categorías en base ás idades dos participantes. Igualmente, o dominio lanza en febreiro unha promoción coa que se será posible rexistrar un .gal para dous anos a un prezo de 15 euros + IVE.
O concurso, presentado esta mañá na sede da RAG na Coruña, inclúe nesta edición as categorías de adultos, xuvenil e infantil. A nova división permite, dunha banda, un aumento do número de premios e, por outra, dividir de maneira máis lóxica os orixinais recibidos. O ano pasado, a organización recibiu máis de 400 orixinais.
As persoas que desexen participar no concurso deberán enviar os textos, de ata 200 palabras e en galego, ao correo electrónico actividades@academia.gal entre os días 1 e 28 de febreiro. Os gañadores recibirán distintos premios tecnolóxicos (ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros) e relacionados coa lectura. As bases completas e a listaxe de premios están dispoñibles vía web. Ademais, os relatos gañadores serán publicados na edición papel da revista Luzes, ademais de nas páxinas das dúas entidades organizadoras.
En paralelo con esta acción, o dominio lanza unha promoción que posibilitará rexistrar un novo .gal con prezos de entre 12,15 e 15 euros máis IVE. Os rexistradores acollidos á promoción son Dinahosting, Entorno Digital, Don Dominio e Openprovider.
O presidente da RAG, Víctor Freixanes, sinalou na presentación do certame a importancia da presenza da lingua e da cultura galegas na Rede e gabou o papel que o dominio .gal xoga na súa proxección. «A Real Academia Galega entende a lingua como un factor de modernidade. O idioma galego é un termómetro para medir os momentos históricos nos que a sociedade galega se sente dona do seu e ilusionada cun proxecto de futuro. O futuro da lingua, da cultura galega e a propia Galicia pasa por estar presente nas novas tecnoloxías da comunicación, e a iniciativa .gal constitúe un dos elementos máis ilusionantes desa proxección nos últimos tempos», expresou.
Manuel González, presidente de PuntoGal, dixo que «o dominio PuntoGal leva no seu ADN a promoción e a difusión da lingua e cultura galegas en todo o Ciberespazo, pero tamén leva no seu ADN o espírito de colaboración con todos os axentes que contribúen a que a sociedade galega se sinta orgullosa de si mesma, e neste aspecto a RAG ocupa un lugar de privilexio. Por iso queremos camiñar da man e sumar esforzos: a convocatoria deste concurso é unha pequena mostra deste espírito de colaboración».
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, salientou pola súa parte a estreita relación entre o dominio e a RAG, «entidade vinculada dende os seus inicios a este proxecto, con quen compartimos a defensa da lingua e a cultura galegas». Janeiro enmarcou a segunda edición do certame no marco dos proxectos colaborativos da asociación, que «PuntoGal ten a intención de aumentar e diversificar durante 2019». Ao respecto da campaña de promoción, o director xeral explicou que se trata dunha iniciativa que permite obter un .gal a un prezo «moi asequible e durante dous anos».
PuntoGal espera superar durante esta campaña o simbólico número de cinco mil dominios rexistrados, o que lle permitirá ir reducindo progresivamente o prezo de adquisición e renovación.

