
Esta alianza investigadora foi a que resultou adxudicataria do proceso de compra pública de tecnoloxía innovadora para o deseño, desenvolvemento e a posta en marcha da devandita solución: unha tecnoloxía para a xestión e o control forestal a partir dos datos capturados por sensores aerotransportados en UAV (vehículos aéreos non tripulados) e outros vehículos aéreos e terrestres.
O proxecto conta cun financiamento de 900.000 euros e nel tamén colaboran o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Galca Forestal e Phoenix LIDAR Systems. Ao abeiro do seu desenvolvemento, daráselle forma a tres módulos: un inventario forestal de masas arboradas, a prevención de incendios forestais mediante a detección de parcelas abandonadas e a avaliación de franxas de seguridade, ademais da monitoraxe e tratamento de pragas forestais.
Segundo informa a USC, a proposta presentada polo consorcio de entidades que lidera 3edata impúxose a outras cinco candidaturas na fase final de compra pública, un proceso enmarcado na Civil UAV Initiative da Xunta de Galicia, orientado á creación (nas Rozas, Lugo) dun centro aeronáutico de referencia europea en Galicia, ao fomento do emprego de sistemas aéreos non tripulados no ámbito civil e á mellora da prestación de servizos públicos.
Esta actuación, cuxo prazo de execución abrangue os exercicios 2019 e 2020, recibe o 80% do seu financiamento dos fondos FEDER, a través do Programa Operativo Plurirrexional FEDER POCINT e cun convenio de colaboración co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (MINECO).
3edata achegará a Galicia tecnoloxía para coidar dos bosques a través de drons
Compartir Este Artigo

