
Como lembraremos, o Día de Internet Segura (Safer Internet Day, SID polas súas siglas en inglés), é un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea, que se celebra cada mes de febreiro para promover “un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, poñendo o foco na nenez e na mocidade”. Este ano a celebración quere facer fincapé na vertente positiva da sociedade dixital e nas súas moitas vantaxes de desenvolvemento, formación, comunicación e progreso, de aí que o lema desta edición sexa Unha Internet mellor comeza contigo: convivindo con respecto para unha Internet segura.
Segundo recorda o CPEIG, o obxecto da efeméride é “impulsar cambios positivos e concienciar sobre a seguridade en Internet”, coa finalidade de alcanzar “unha Internet mellor” e convertela “nun espazo no que todas as persoas e entidades fagan uso da tecnoloxía de maneira responsable, respectuosa, crítica e creativa”.
En concreo o presidente do CPEIG destaca que “se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais”. E engade: “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital”.
Ademais, o CPEIG, como aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, colabora nas actividades programadas pola Rede CeMIT no Día da Internet Segura. Voluntarios colexiados do CPEIG impartirán este martes 5 dúas charlas na provincia de Ourense. Iván Luis Vázquez impartirá a charla na aulas CeMIT de Celanova (Parque As Triguerizas, s/n) a partir das 12:00 horas, e Julio Mosquera a actividade na aula CeMIT de Leiro (rúa Padre Eiján, s/n) ás 12:00 horas.
O colexio aproveita a celebración deste día 5 para emitir unha serie de recomendacións:
· Instala un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios.
· Actualiza puntualmente os teus equipos. De forma habitual xorden ameazas e non queda máis remedio que instalar as actualizacións ou parches de seguridade en canto estean dispoñibles. É unha boa óptima de protexerse contra virus, ameazas e vulnerabilidades de última xeración.
· Usa contrasinais e sistemas de protección seguros. Cada vez estamos rexistrados en máis páxinas e servizos. Lembra que as túas contrasinais teñen que ser distintas para cada un dos servizos. É importante tamén usar claves complexas, que conteñan minúsculas, maiúsculas, números e letras. Como método de axuda, pódese usar un xestor de contrasinais para manexar todas as claves con máis comodidade.
· Engade controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a Internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden atoparse en liña. É importante axudalos a distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son. Os controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos e adolescentes accedan a sitios web inapropiados. Tamén están indicados para limitar o tempo que pasan conectados á rede.
· Usa as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, enderezos postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.
O CPEIG salienta no Día da Internet Segura as múltiples vantaxes de estarmos na Rede
Compartir Este Artigo

