Dende Android Police descubriron que unha nova funcionalidade do Asistente de Google está a chegar finalmente ás masas, o modo de intérprete, que vén a ser o mesmo que a opción de empregar o Tradutor de Google para traducir conversas de xeito consecutivo entre dúas linguas, pero que desta volta non funcionará dende un smartphone, senón que poderá empregarse directamente con altofalantes Google Home (e algún outro altofalante doutras marcas) e Smart Displays co Asistente de Google.
Deste xeito podemos invocar ao asistente coa frase de costume («Ok, Google») para logo pedirlle que funcione como intérprete (por exemplo, dicindo «ayúdame a hablar francés» ou «sé mi intérprete de italiano») para que logo o sistema comece a traducir a nosa conversa en dúas linguas dunha selección de 26 (entre as que están o inglés, o francés, o alemán, o portugués, o español ou incluso o xaponés), facilitando a superación de barreiras idiomáticas. No caso de empregar unha pantalla conectada o xeito de operar será máis visual, de xeito que non só escoitaremos a conversa traducida, senón que tamén poderemos vela en texto.
Os altofalantes Google Home poden facer de intérpretes
Compartir Este Artigo
