A Deputación da Coruña ven de convocar a terceira edición do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial (PEL-EPR Premio), un galardón incluído entre as accións de incentivos á calidade e á innovación da idea empresarial do Plan de Emprego Local (PEL). Con este recoñecemento, ao que xa se poden presentar candidaturas, preténdese distinguir e promover o labor realizado polas pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as, concellos e asociacións empresariais da provincia da Coruña, así como contribuír ao crecemento e desenvolvemento das mesmas. Concederanse un total de cinco galardóns por un importe total de 75.000 euros outorgándose 15.000 euros a cada unha das categorías.
Estas son as modalidades deste ano (que inclúen tres novas categorías con respecto ao ano pasado: premio á mellor iniciativa empresarial xeradora de emprego, premio ao concello promotor do emprego de calidade e premio á mellor asociación empresarial.
· Primeira categoría. Premio á mellor iniciativa empresarial nova. Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as cuxa data de constitución (inscrición no rexistro público correspondente) e data de alta censual teñan una antigüidade máxima dun ano.
· Segunda categoría. Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada. Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as cuxa data de constitución (inscrición no rexistro público correspondente) e data de alta censual teñan una antigüidade mínima de 5 anos.
· Terceira categoría. Premio á mellor iniciativa empresarial xeradora de emprego. Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que contribúan á creación de emprego e, consecuentemente, ao desenvolvemento socioeconómico e a fixación da poboación.
· Cuarta categoría. Premio ao concello promotor do emprego de calidade. Para concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que impulsen a iniciativa empresarial e o emprendemento, promovan a xeración de emprego de calidade e contribúan á fixación da poboación.
· Quinta categoría. Premio á mellor asociación empresarial. Para asociacións, agrupacións, federacións e confederacións de empresarios/as da provincia da Coruña.
A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación, a través da plataforma Subtel. O prazo de achega de candidaturas ficará aberto ata o 28 de febreiro de 2019 ás 14.00 horas e o fallo darase a coñecer durante o primeiro semestre de 2019.
Podemos consultar as bases e a convocatoria publicadas no BOP, así como descargar os anexos a presentar, na plataforma Subtel e na páxina web do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial: https://emprego.dacoruna.gal/lineas/lina-2-pel-emprende/premio-provincial-mellor-iniciativa-empresarial/.
Xa se poden presentar candidaturas aos premios ás iniciativas empresariais da Deputación da Coruña
Compartir Este Artigo

