Na liña de servizos de envío de ficheiros como WeTransfer ou Velaquí.gal, no verán de 2017 a Fundación Mozilla presentou en probas o servizo Firefox Send, que permitía compartir de xeito cifrado arquivos de ata 1 GB de tamaño, e agora anuncian que Firefox Send é xa un servizo oficial, que agora permite enviar vía web ficheiros de ata 2,5 GB de tamaño (para usuarios cunha conta de Firefox) e que esta mesma semana contará cunha aplicación en probas para Android, permitindo así un maior control á hora de compartir ficheiros de grande tamaño.
Firefox Send é un servizo sinxelo, no que simplemente temos que elixir os ficheiros que queremos remitirlle, para que se xere unha ligazón que facilitará a descarga dos arquivos coas condicións que indiquemos (data de expiración, número máximo de descargas ou incluso protección mediante contrasinal), de xeito que esta ferramenta é moi sinxela (podendo intercambiarse as ligazóns xeradas a través do sistema de comunicación que desexemos, como o correo electrónico ou aplicacións de mensaxería instantánea). A grande diferenza deste servizo fronte a outros semellantes é que dende Mozilla comprométense a coidar da privacidade dos seus usuarios, asegurando que a información persoal non quedará indefinidamente nalgún recanto da nube.
Firefox Send permite enviar ficheiros de ata 2,5 GB de xeito seguro
Compartir Este Artigo
