Ao abeiro do seu proxecto de Cidade Intelixente, o Concello de Lalín vén de presentar unha iniciativa para avanzar na rexeneración das rúas Principal e Loriga e convertelas en rúas smart. O proxecto, que foi presentado os días pasados polo alcalde Rafael Cuíña, e o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González, convertería Lalín, segundo indicaron, na primeira galega que conta cun vieiro (o conformado polas ditas rúas) intelixente. A actuación, incluída na estratexia Lalín Ssuma 21, consistiría en equipar esta arteria central urbana de “todos os beneficios e posibilidades que ofrece a tecnoloxía no ámbito dos servizos e da información de utilidade para o cidadán”.
Segundo informou González Casares, “a redacción do proxecto técnico tanto para a renovación da rúa como para a aplicación de servizos tecnolóxicos atópase nunha fase moi avanzada grazas ao gran traballo que esta desenvolvendo o estudo de arquitectura Promove en coordinación cos servizos municipais de informática e novas tecnoloxías”. Tamén explicou que o proceso de rexeneración dos dous vieiros será duplo e integral: por unha banda humanízase e unifícase (convertendo as dúas rúas nunha plataforma única) e pola outra equípase con servizos tecnolóxicos de control de acceso de vehículos, xestión do estacionamento, control da iluminación, rego intelixente, xestión de residuos sólidos urbanos, cartelería dixital informativa e un módulo de calidade do aire.
O alcalde e máis o tenente de alcalde tamén explicaron que a humanización de Principal e Loriga implicará peches puntuais ao tráfico para aproveitar as súas condicións para o desfrute peonil. Porén, unicamente se permitirá nos momentos de peche o acceso de vehículos previamente autorizados. Para isto, o proxecto de rúa intelixente dotarase de cámaras de control mediante lectura de matrículas que contrastará o resultado nunha base de datos de maneira que ao ser validada accionarase o permiso de maneira automática e o sistema de peche retráctil deixará pasar o coche.
Estacionamento
O sistema de xestión de estacionamento que se aplicará na nova rúa intelixente empregará sistemas de detección como sensores de praza que realizarán comunicacións automáticas a unha plataforma de xestión central e a unha aplicación dixital que empregarán os usuarios e que informará en tempo real sobre o estado de ocupación, o tempo de rotacións, etc.
Control de luminaria
A actuación contemplará a aplicación dun módulo de control de luminaria que permitirá a xestión e monitoraxe do cadro de iluminación pública das rúas que se van humanizar. O dispositivo permitirá controlar dende a plataforma central o acendido, apagado e a regulación dos farois, así como definir perfís diferentes de iluminación para grupos de luminarias concretos ou luminarias individuais, “contribuíndo a mellorar a eficiencia enerxética e, polo tanto o aforro económico”, sinalou o Concello.
Rego intelixente
O módulo de rego de auga intelixente ofrecerá a posibilidade de manexar os aspersores colocados nos espazos verdes e programalos “de maneira totalmente personalizada” por parte do Concello en función das necesidades e patróns que se establezan.
Xestión de residuos
O sistema de xestión intelixente de residuos sólidos urbanos permitirá recoller información dos contedores emprazados nas rúas a través de sensores que informarán sobre niveis históricos de enchido ou permitirán detectar calquera anomalía ou incidencia, xerando tamén información e avisos específicos.
Cartelería dixital
Contémplase a posta en marcha dun sistema de pantallas de información e cartelería dixital en diferentes puntos xeográficos do casco urbano, e unha das zonas que vai ser dotada destes dispositivos será o treito conformado por Principal e Loriga. A actuación consiste na posta en servizo dun sistema de información en tempo real mediante a disposición de paneis electrónicos en diferentes formatos que serán controlados a través dunha plataforma software central de xestión de contidos. Cada panel disporá dunha ou varias pantallas de alta resolución e gran formato “en función da súa finalidade”. O Concello explica que fornecerán de información de interese para o cidadán sobre todo tipo de cuestións como eventos, actividades, incidencias ou datos de asistencia ao tráfico e ao estacionamento.
Meteoroloxía
Amais de todo o devandito, instalarase un módulo de calidade meteorolóxica que permitirá a recollida de información a través dunha estación conectada á plataforma central que ofrecerá datos en tempo real sobre indicadores da calidade do aire, a situación en canto a contaminación do centro urbano etc.
Lalín converterase na primeira vila galega que conta cunha rúa smart
Compartir Este Artigo

