Padrón acolleu hoxe a entrega da sétima edición dos premios Lingua de Namorar, convocados para promover a comunicación en galego nas novas tecnoloxías, ao tempo que se establecen ligazóns firmes entre a nosa lingua, a expresión amorosa e as ferramentas dixitais. Na cita participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel e o delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro. Segundo fixeron saber, nesta edición de Lingua de Namorar participaron preto de 600 mozas e mozos.
Na entrega de galardóns, na que tamén fixo acto de presenza o alcalde de Padrón Antonio Fernández Angueira, o secretario xeral salientou o especial significado do escenario elixido: a praza adicada a Macías O Namorado.“Que mellor lugar para facer entrega dos premios da que xa é a oitava edición do certame Lingua de namorar”, sinalou García, ao tempo que enxalzaba a figura do devandito homenaxeado, “poeta padronés que cantou o seu amor en galego, tal e como vós, premiados e premiadas, fixestes en pleno século XXI, aínda que usando un tipo de texto e un medio de transmisión diferente e adaptado aos novos tempos”.
O secretario xeral tamén destacou a importancia de certames como Lingua de Namorar, unha iniciativa que vai alén da implicación dun certame literario ao uso, xa que con ela, Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude queren animar ás novas xeracións “a continuar expresando en galego o que en galego sempre se expresou, os afectos”. E engadiu: “Que os mozos e mozas empreguedes no voso día a día a que foi lingua de trobadores sabendo que é tamén un idioma do século XXI que serve para ser usado en cantos ámbitos e soportes, novos e vellos, se lle presenten”.
Pola súa banda, Cristina Pichel lembrou que a presente convocatoria do concurso é “a edición das primeiras veces”, posto que é a primeira vez que resulta premiado un mozo de fóra de Galicia, que unha persoa repite galardón por segunda vez (Nee Barros) e, tamén, “é a primeira vez que tecemos sinerxías entre o talento da xuventude galega, posto que a persoa que musicou as mensaxes gañadoras, David Dealonso, foi 2º premio en Xuventude Crea 2018”, sinalou. “Isto demostra”, en palabras da directora xeral, “que os mozos e mozas galegas teñen talento, que se esforzan día a día e que están comprometidos co noso idioma”.
Seis premios e unha mención de honra
Recolleron os seus premios, na categoría A, que englobaba as mensaxes de mozos e mozas que teñen entre 14 e 19 anos, Nee Barros (Marín, Pontevedra) coa mensaxe Máis que choiva; e o segundo e o terceiro premio, respectivamente, Irea Cendán (As Pontes, A Coruña), por Conto contigo, e Yago Rubio (Vega de Espinareda, León), por Tan guapa. Este último, alumno do IES leonés de Cacabelos, un dos 19 centros de ensino que participan no Programa de Promoción do Galego no Bierzo e en Sanabria que impulsan a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León.
Na categoría B, para mozos e mozas que contan entre 20 e 35 anos, recibiuno Navia Rivas (Boimorto, A Coruña) con Este para min. O segundo, Darío Rodríguez (Vigo, Pontevedra), por Amor diglósico, e o terceiro Cándido Paniagua (Xinzo de Limia, Ourense), por A discusión: corazón vs. cabeza. Nesta categoría recibiu tamén unha mención de honra do xurado María Inmaculada Rodríguez Marqués (Ribadeo, Lugo), por Escoiteite.
Estes seis gañadores e a mención de honra impuxéronse de entre os preto de 600 mozos e mozas que participaron na sétima edición de Lingua de namorar. Os textos gañadores e os premios concedidos poden verse na páxina web do concurso e no Portal da Lingua galega.
Entréganse os premios de Lingua de Namorar, no que participaron 600 mozas e mozos
Compartir Este Artigo

