Amazon anunciou en 2013 que pretendía lanzar un servizo de reparto de paquetes mediante drons, pero son moitas outras as compañías que están a avanzar nesta liña, e así temos agora que unha compañía de Alphabet (compañía á que pertence Google), Wing, lanzou en Camberra o seu primeiro servizo comercial de reparto aéreo, ou sexa, que certos fogares nos suburbios de Crace, Palmerston e Frankling pode xa pedir alimentos frescos, café quente e incluso algúns medicamentos a través dunha aplicación móbil para recibilos en poucos minutos entregados por un dron.
Esta experiencia chegará nas vindeiras semanas tamén a Harrison e Gungahlin, ou sexa, que espállase por Australia dun xeito progresivo e bastante pausado, para o que Wing chegou a acordos con empresas locais como Kickstart Expresso, Capital Chemist, Pure Gelato, Jasper + Myrtle, Bakers Delight, Guzman Y Gomez e Drummond Golf, ás que irán sumándose máis negocios de xeito paulatino.
Wing leva realizando probas de envíos mediante drons en Australia dende 2014, e nos últimos 18 meses entregaron máis de 3.000 pedidos, experiencia da que foron aprendendo ata chegar a esta fase comercial na que confían que o servizo continúe a mellorar.
Cómpre lembrar que este tipo de servizos son aínda toda unha incógnita a nivel global pola necesidade da súa regulación. No caso australiano o servizo de Wing conta con restricións como non poder voar os seus drons sobre estradas principais, só podendo operar nun horario limitado (ou sexa, que non permiten os voos nocturnos), tendo que manter os drons certa distancia coa xente e poden servir só a fogares considerados seguros para a interacción cos drons.
Vídeo no que explican o funcionamento do servizo de reparto por drons
