A semana pasada Samsung quixo facer historia coa súa campaña SpaceSelfie que consistía en pór en órbita un Samsung Galaxy S10 5G para amosar na súa pantalla de 6,7 polgadas imaxes enviadas por usuarios, retratándose a situación para remitir aos autores das imaxes unha instantánea do seu selfie cun fondo espacial. Esta iniciativa estreouna a modelo e actriz Cara Delevigne, quen tamén quixo facer un selfie grupal con outras celebridades para competir en popularidade co selfie que fixera Ellen DeGeneres nos Oscar, e aínda que esta iniciativa pioneira non conseguiu unha grande repercusión, o final accidentado da misión si está a dar máis que falar, xa que o falso satélite que puxeron en órbita cun globo tivo unha aterraxe forzosa en Michigan.
O satélite accidentado presentaba o logotipo de Samsung e da iniciativa SpaceSelfie, de xeito que foi rapidamente identificable, e tras saberse do lugar do impacto foi recollido por Raven Industries, a compañía que fabricou o globo que elevou o satélite. Por sorte a aterraxe non causou danos e simplemente converteuse nunha anécdota que permite salientar as innovacións que fai posible a tecnoloxía actual, como levar un pequeno dispositivo móbil á estratosfera e poder recuperar imaxes captadas dende alí.
Vídeo no que dan conta do proxecto fotográfico espacial de Samsung
