Este sábado entregáronse en Vigo, no Centro Social Afundación, os novos Premios da Crítica de Galicia, edición 46, nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. A vertente máis tecnolóxica veu dada polo Premio de Investigación, que foi dar ao Satélite LUME-1, lanzado dende Rusia en 2018 pola Universidade de Vigo (grupo CIMA), pola Agrupación Aeroespacial e pola firma Alén-Space.
Baixo o lema Teñamos o valor de darnos o futuro, xuntáronse na entrega de galardóns unhas trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carlos López Font, vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritor@s en Lingua Galega (AELG), entre outras.
O xurado
O xurado do Premio da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación estivo formado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática do Departamento de Ciencias da Computación da UDC e presidenta da Sociedad Española para a Intelixencia Artificial; Ricardo García Mira, catedrático do Departamento de Psicoloxía da UDC; Águeda Gómez Suárez, profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo (Campus Ourense); Martín López Nores, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo; María Loureiro, catedrática do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC; José Luís Mascareñas Cid, gañador da edición anterior, director do CIQUS, catedrático da USC e Jorge Mira Pérez, que actuou como secretario en representación de Premios da Crítica de Galicia.
Finalistas
O xurado acordou declarar como finalistas ao artigo Botton-up síntesis of multifuctional nanoporous Graphene (de César Moreno, Manuel Vilas-Varela, Bernhard Kretz, Aran Garcia-Lekue, Marius V. Costache, Markos Paradinas, Mirko Panighel, Gustavo Ceballos, Sergio O. Valenzuela Diego, Peña e Aitor Mugarza); ao proxecto Satélite LUME-1 (do Equipo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, da Escola de Enxeñaría Industrial e da Escola de Enxeñaría Informática Campus de Ourense da Universidade de Vigo, liderado por Fernando Aguado Agelet); e á obra Golpistas e verdugos de 1936. Memoria dun pasado incómodo (da que son editores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho). Tras unha complexa deliberación acordou outorgar por maioría o premio a Satélite LUME-1, “por supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país coo o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galicia, literalmente, no espazo”.

O satélite específico LUME-1 forma parte do proxecto Fire-RS (WildFire Satellite and UVAs Remote Sensing System), coordinado pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA da Universidade de Vigo. Trátase dunha iniciativa dirixida a loitar contra a destrución dos lumes botando man das máis avanzadas tecnoloxías da comunicación, da robótica, a enxeñaría industrial e a análise de información. No paquete de recursos avanzados dos que bota man o proxecto atópase o satélite de dous quilogramos lanzado con éxito en 2018 dende Rusia.
O LUME-1, para quen non o saiba, é o cuarto satélite lanzado ao espazo pola UVigo, un vixía automático dotado con tecnoloxía punteira para loitar contra os incendios forestais.
Como dixemos, o FireRS é un proxecto europeo coordinado dende Vigo pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA no que participan tamén a Universidade de Porto e o Laboratorio de Análise e Arquitectura de Sistemas de Toulouse. O proxecto veu un orzamento de dous millóns de euros e o seu obxectivo foi “crear unha ferramenta que sexa quen de realizar unha detección temperá e achegar información en tempo real dos lumes forestais aos servizos de emerxencia”.
O Satélite LUME-1, Premio da Crítica de Galicia
Compartir Este Artigo

