A Real Academia Galega de Ciencias, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), deu a coñecer hoxe as identidades da nova empresa e os grupos de investigación galegos gañadores dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, edición 2019. Os galardóns, que veñen de chegar á súa quinta edición cunha dotación de 6.000 euros para cada unha das súas categorías (tres), recoñecen este ano o labor dos grupos EQ10 da Universidade de Vigo (centrado en acadar novos biodeterxentes) e Photonics4life da Universidade de Santiago (polos seus traballos en modelos 3D) e da spin-off da Universidade de Vigo Alén Space, na vangarda do desenvolvemento de nanosatélites (Alén Space foi co-responsable do lanzamento do satélite LUME-1 dende Rusia).
Estes recoñecementos serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 11 de decembro.


Pola súa banda, a spin-off da Universidade de Vigo Alén Space é a galardoada co Premio Ricardo Bescansa Martínez como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. “A súa aposta temperá pola fabricación de nanosatélites permítelles estar ben emprazados nun mercado que se prevé que alcance os 5.200 millóns de euros no ano 2021”, explica a RAGC, engadindo (sobre as orixes da iniciativa) que Alén Space naceu para comercializar os resultados da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da UVigo, creada para o deseño e fabricación do primeiro nanosatélite español, o Xatcobeo, lanzado ao espazo en 2012. A finais de 2018, puxo en órbita o LUME-1, un satélite que apoia a loita contra os incendios. Na experiencia do equipo científico que está detrás da empresa figura a colaboración con misións espaciais da NASA e da Axencia Espacial Europea (ESA).
“Os nanosatélites que fabrica esta spin-off permiten acceder a datos e comunicacións que ata hai pouco só estaban ao alcance de gobernos e grandes axencias espaciais”, destacou o xurado, salientando tamén que “os custos destes pequenos dispositivos poden ser ata cen veces menores cós dos satélites convencionais, por iso son accesibles economicamente tamén para empresas”. Ademais, engádese, Alén Space garante os máis rigorosos niveis de calidade, baixo os estándares da ESA.
Alén Space e os grupos EQ10 e Photonics4life, Premios de Transferencia Tecnolóxica 2019
Compartir Este Artigo

