A Asociación TADEGa e Coruña Dixital (a fronte común do Concello e as comunidades locais de desenvolvemento e divulgación tecnolóxica), van celebrar esta semana unha das grandes actividades da tempada en materia de TIC e accesibilidade, dous conceptos (as tecnoloxías e a accesibilidade) que, segundo sinalan as súas entidades organizadoras, deberan camiñar sempre xuntos.
O sexto congreso TADEGa, que se desenvolve o 22 e o 23 de novembro, é un foro de referencia de profesionais (principalmente da nosa terra) da educación, co foco na tecnoloxía e a atención á diversidade, en aspectos como a diversidade funcional (discapacidade), a multiculturalidade, o mundo do maior, o do rural, o ámbito das altas capacidades ou a marxinalidade social.
O congreso, que terá a súa sede na Facultade de Ciencias da Educación da Coruña, artéllase en dezaseis obradoiros que se desenvolven de maneira simultánea e nos que as persoas participantes traballarán en función dos seus intereses, que serán comunicados á organización uns días antes do evento.
As actividades (que podemos consultar ao detalle en formato PDF) comezarán o venres 22 ás 17.00 horas, coa benvida e a inauguración e, posteriormente, o comezo do primeiro dos obradoiros. Estes son: A Inclusión na lexislación e documentos de centro e de aula (a cargo de Laura Adela Fernández Blanco, de Equipolaura.es), Autofabricantes. Coñecemento aberto para a autonomía e a calidade de vida (Christian Pérez, de Autofabricantes.org), Adaptacións para a lectura (Patricia Pena), Avaliación, instrumentos de avaliación en NEAE dende unha perspectiva inclusiva (Ilusiona-t.es), Coas mans na masa (Fátima García, Discapacitodos), Drones na aula (Nuno Troitiño, de Nunotecnoloxias.weebly.com), Espazo compartido (Sonia Seijas, udc.gal), Espazo de boas prácticas (taller aberto á presentación de comunicacións), Gamifica a túa aula (Erica Ordóñez, de Lavozeducativa.com), Impresión 3D e diversidade funcional (Paz Freire e Felo Couto, Paztecnoloxia.wixsite.com), Monta o teu Escornabot (Pablo Rumba, Pablorubma.cc), Novidades ACCEGAL: TalkAACtive (Francisco de Arriba e Silvia García, de Accegal.org), Obradoiro de E-textiles (Paola Guimeráns, Paolaguimerans.com), Programación Arduino con Echidna (Xabier Sosas, de Echidna.es), Proxecto STEAM Cidade Intelixente (María Nimo, de Dismedia.com) e Vídeo signado en lingua de signos e Croma (a cargo de Xacobo de Toro).
Chega o sexto congreso TADEGa coas súas propostas tecnolóxicas galegas a prol da diversidade funcional
Compartir Este Artigo

