
Segundo explica a compañía galega de cable, os novos traballos realizados no concello pontevedrés tentaron tirar o máximo proveito das infraestruturas previamente existentes.
Por certo que á cifra de 400 fogares e negocios que teñen ao seu dispor o dito servizo cómpre engadir os máis de 1.000 domicilios e empresas do termo municipal que xa ficaron previamente conectados ás redes de nova xeración de R o pasado verán. En total, 1.400 fogares e negocios de Tomiño.
O fornecemento de fibra no concello pontevedrés abéiranse ao Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa, do que R foi adxudicataria en 2016 para despregar FTTH (fibra ata o edificio) nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade ata este momento.
Xunto co da provincia de Pontevedra, o operador galego conseguiu tamén a adxudicación doutros dous proxectos; un, para as provincias de Lugo e Ourense e outro para a da Coruña. En total, os tres proxectos supoñen un investimento de preto de 8 millóns de euros, dos que 4,3 son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa de Extensión de la Banda Ancha de Nueva Generación (PEBA-Plan Avanza) do Ministerio de Economía e Empresa. Só na provincia de Pontevedra o investimento total rolda os 3,35 millóns de euros, dos cales 1,84 proceden dos fondos europeos.
R engadiu que cando se completen os traballos de despregue nas catro provincias galegas, arredor de 33.000 fogares e empresas destas “zonas brancas” formarán parte do millón longo de fogares e negocios que a día de hoxe están en disposición de recibir os servizos avanzados de R en Galicia.
A fibra avanzada de R chega a 400 fogares e negocios de Tollo, en Tomiño
Compartir Este Artigo

