A axencia Arela Comunicación Sostible, vén de publicar a listaxe de tendas galegas en Internet que “máis están a traballar para”, nas súas palabras, “conseguir visibilidade fronte aos xigantes da venda online”, ao tempo que demostran ter capacidade para crear postos de traballo e contribuír ao futuro de pequenas vilas e aldeas.
O informe, que está dispoñible na web, xunta e visualiza máis de 100 ecommerce da nosa terra de todo tipo de sectores: un centenar de exemplos referenciais de transformación repartidos por toda a xeografía galega. As empresas en cuestión, casos emblemáticos de como xuntar tecnoloxías e comercio local e de proximidade, pertencen a ámbitos como os agasallos, o deseño, a alimentación, a artesanía, a beleza, os libros, as mascotas, a moda, a música ou a decoración, entre outros eidos de activdiade. Todas elas comparten a súa arela de innovar, evolucionar dixitalmente e apoiar unha parte relevante da súa actividade na xestión de pedidos diarios dende Galicia para toda Europa e parte do mundo.
Na listaxe non só figuran tendas e empresas das nosas grandes cidades, senón que tamén aparecen ecommerce repartidos por todos os recantos da nosa xeografía. Deste xeito, os concellos Cervantes, Allariz, Vilardevós, Bueu, Fisterra, Poio ou Mondoñedo sitúanse no mapa do comercio electrónico de Galicia.
Segundo explican dende a axencia Arela, “as compras online forman parte do noso día a día como consumidores, pero son os grandes marketplaces e as multinacionais os que concentran a facturación e as vendas. En Galicia temos unha gran rede de alternativas locais, con moi boas ideas e con produtos de gran calidade, polo que mercar nas tendas en liña galegas e recomendar os seus produtos, tamén é defender o comercio local”.
A axencia Arela lanza unha listaxe cos cen grandes exemplos de ecommerce galegos
Compartir Este Artigo

