O fabricante de equipos de son de alta gama Sonos leva tempo defendendo que aposta pola sustentabilidade mediobambiental, con produtos deseñados para minimizar o seu impacto, instalacións que apostan polas enerxías renovables e un código de conduta para provedores, pero a través de Twitter Devil Wilson denuncia que esta política corporativa ten importantes eivas, referíndose especialmente ao programa Trade Up a través do que instan á reciclaxe de dispositivos ofrecendo un 30% de desconto nun produto novo tras sumarse ao programa.
Este sistema de Trade Up consiste en que os usuarios que queren beneficiarse dun importante desconto teñen que pór os seus dispositivos en modo reciclaxe, o que provoca que os dispositivos queden completamente desactivados aos 21 días, no que aseguran que garante a privacidade e a sustentabilidade, o que claramente non semella unha solución respectuosa co medio ambiente, xa que supón deixar inservible intencionadamente un dispositivo en bo estado, impedindo que poida reutilizarse.
Wilson comenta como alguén enviou a reciclar 5 altofalantes Sonos Play:5, valorados nuns 250 dólares cada un, que estaban usados pero en boas condicións, polo que poderían reutilizarse de xeito doado, pero como o usuario puxo os dispositivos en modo reciclaxe quedaron inservibles, o que é crear refugallos electrónicos cando podía darse unha segunda vida aos produtos.
Dende Sonos deféndense asegurando que o programa Trade Up está enfocado a produtos vellos, que carecen da potencia e a memoria para permitir gozar dunha experiencia Sonos moderna. Os usuarios que poidan seguir sen as últimas novidades de Sonos son libres de non aproveitar o programa de reciclaxe e manter operativos os seus altofalantes.
Dende a perspectiva de Sonos, os produtos que serían considerados vellos serían os que lanzaron hai máis de 10 anos e aseguran que os produtos da súa marca seguen a recibir actualizacións ata 5 anos despois da súa retirada do mercado, o que é un compromiso a longo prazo que realizan poucos fabricantes.
Denuncian unha polémica política de reciclaxe por parte de Sonos
Compartir Este Artigo
