Os fabricantes chineses Xiaomi, Oppo e Vivo veñen de pechar unha alianza para promover un novo método de transferencia de ficheiros sen fíos cun único clic, dispoñible nos móbiles de Xiaomi con MIUI 11 en Mi Share (Oppo e Vivo farán algo semellante cos seus produtos) de xeito que poderán transmitir ficheiros sen precisar de aplicacións de terceiros e sen consumir datos da tarifa móbil.
Esta tecnoloxía utiliza o Bluetooth para enlazar os dispositivos que van intercambiar ficheiros que logo remitiranse a través de Wi-Fi P2P, conseguindo unha conexión estable que consegue transmitir datos a uns 20 MB/segundo mentres que os móbiles poden continuar a utilizar a Wi-Fi para conectarse á Internet (de xeito que non interrompe o que se estea a facer durante a transmisión de ficheiros).
Dende Xiaomi confirman que esta funcionalidade será compatible con dispositivos con Android Pie ou superior, (agás o Redmi 6 Pro, Redmi 6, Redmi 6A, Redmi 7A, Redmi 7, Redmi S2, Redmi 8, Redmi 8A, Redmi Note 8 e Redmi Note 8T). Pola súa banda, Vivo asegura que os seus novos produtos comezarán a integrar esta prestación a partires de febreiro.
Xiaomi, Oppo e Vivo adoptan un sistema de intercambio de ficheiros sen fíos
Compartir Este Artigo
