A finais de 2017 desvelouse que Apple a través dunha actualización de iOS forzaba aos vellos iPhone a funcionar a menor velocidade para mitigar os efectos da degradación da súa batería, actualización feita con total opacidade por parte de Apple, o que levou a que hai preto dun mes lle impuxesen unha sanción de 25 millóns de euros en Francia, e agora sabemos que nos EE.UU. tamén houbo consecuencias económicas para compañía de Cupertino, xa que iniciouse un litixio que vén de rematar cun acordo a través de que Apple pagará entre 310 e 500 millóns de dólares, xa que tería que compensar aos consumidores con 25 dólares por cada iPhone afectado.
O acordo beneficiaría a posuidores dun iPhone 6, 6 Plus, 6s, 6s Plus, 7, 7 Plus ou SE que funcionasen con iOS 10.2.1 ou superior, cubrindo tamén a quen tivese un iPhone 7 ou 7 Plus que correse iOS 11.2 ou superior antes do 21 de decembro de 2017. Falamos de consumidores estadounidenses, e no acordo teríase en conta que Apple compensou parcialmente aos consumidores cun programa de substitución de baterías a prezo reducido.
Queda agora por saber como se artellará o mecanismo de compensación para os afectados, resultando curioso que noutros países non se emprendesen mecanismos de compensación equivalentes.
Apple pagará ata 500 millóns de dólares nos EE.UU. por reducir a velocidade dos iPhone vellos
Compartir Este Artigo
