Nas plataformas de redes sociais converteuse nunha característica moi importante a existencia de contas verificadas que amosan un selo que indica que unha figura é relevante e o seu nome corresponde a quen di ser, pero no caso de Twitter distintas polémicas levaron a que tiveran que mudar os criterios de verificación de contas, xa que moitos usuarios entendían que o feito de que certas persoas con ideoloxías radicais contasen con selo de verificación de Twitter supoñía que a plataforma apoiaba as súas mensaxes.
Ante tal crise de reputación Twitter reaccionou finalmente conxelando o procedemento de verificación de contas durante xa varios anos, e por fin anuncian que en xaneiro van retomar este mecanismo, que deixará de ser tan simple coma un selo de verificación e apostará pola transparencia.
Durante este tempo entenderon que os criterios adoptados con anterioridade para a verificación de contas eran bastante arbitrarios, e agora crear unha serie de categorías máis inclusivas para, por exemplo, facilitar que os creadores de contidos en liña atopen un oco; tamén valorarán o volume de seareiros en función dos territorios (o mínimo de seareiros para pedir a verificación dunha conta mudará en función do país). Están a estudar a posibilidade de verificar tamén a científicos e académicos, xa que en momentos como o actual consideraron importante poder verificar contas como a de científicos que estaban a loitar contra a COVID-19, xa que iso axuda tamén a loitar contra a desinformación (facilitando a identificación de fontes fiables).
Tamén van iniciar unha limpa, detectando contas verificadas que xa non cumpren cos criterios mínimos, que incumpriron reiteradamente as normas da plataforma, ou que, basicamente, que están inactivas, ao que suman o feito de que os seus titulares poderían ter falecido, de aí que estean a traballar nun sistema que permita transformar esas contas en contas conmemorativas, así como tamén un xeito de destacar contas de usuario xestionadas de forma automática (como poden ser as que difunden informes de terremotos ou outros tipos de información de utilidade sen intervención humana), de xeito que os usuarios poderemos saber que si son de fiar, sen que necesariamente teñan que corresponder coa identidade dunha persoa ou cunha entidade recoñecida.
Os rechouchíos volven ao rego
Pero o retorno do procedemento de verificación non é o último regreso que está a experimentar Twitter, senón que estes días tamén anunciaron que a función de rechouchiar volve operar como sempre, ou sexa, que non forzará a que os rechouchíos teñan que facerse con comentario, como acontecía nas últimas semanas, nun experimento que claramente saíu mal. A intención era evitar os rechouchíos compulsivos e promover que este xeito de amplificar unha información se fixese engadíndolle valor, pero os usuarios percibiron o cambio como un atranco a un xeito doado de compartir, e ante os comentarios baleiros ou cunha simple palabra, finalmente optaron a obrigar a incluír un comentario ao rechouchiar.
